Dende a Limia
16:28 h. Jueves, 20 de Septiembre de 2018

Vilar de Santos pon en marcha un taxi de uso compartido para a veciñanza

O. Ferreiro | 22 de Diciembre de 2017 (23:38 h.)
Casa do Concello de Vilar de Santos.
Casa do Concello de Vilar de Santos.

O Concello de Vilar de Santos puxo en marcha un proxecto piloto de transporte público mediante o taxi de uso compartido no termo municipal de Vilar de Santos.

O obxectivo xeral desta iniciativa municipal é dotar de transporte a aquelas zonas que na actualidade carecen del.

O obxectivo xeral desta iniciativa municipal é dotar de transporte a aquelas zonas que na actualidade carecen del. É un novo servizo, pioneiro e innovador, creado para resolver as dificultades de acceso ao transporte aos que se enfrontan diariamente os veciños despois dos problemas de funcionamento do transporte baixo demanda. Dende o grupo de goberno consideran que é a mellor alternativa posible de transporte para comunicar os distintos lugares, facilitar a mobilidade interna dentro do Concello e poder atender e cubrir as necesidades e os desprazamentos da veciñanza –fundamentalmente persoas maiores e de avanzada idade e con problemas de mobilidade– ao Centro de Saúde, ao Concello e demais servizos (banco, farmacia, supermercado...) situados en Vilar de Santos. "Tamén é boa opción en termos de sustentabilidade económica e ambiental, por atender aos usuarios mediante o uso compartido e por reducir o consumo de combustible, o que ademais implica un menor impacto ambiental e unha fórmula máis para incrementar a mobilidade sustentable", sinalan dende o consistorio limián.

O taxi compartido pode ser utilizado por calquera veciño compartindo viaxe con outro nos horarios e liñas preestablecidas.

A idea xurdiu no mes de maio, no período de alegacións ao novo Plan de Transporte da Xunta, no que propuxeron o uso do taxi, pola falta de adecuación á realidade municipal. Existen precedentes do uso desta modalidade de transporte noutros lugares. Dende Vilar de Santos fixáronse no modelo do Concello de Candelaria en Tenerife.

O taxi compartido pode ser utilizado por calquera veciño compartindo viaxe con outro nos horarios e liñas preestablecidas nas paradas dos pobos do municipio nos días sinalados –os luns e xoves, excepto que sexan festivos–. O taxi compartido opera estruturado en catro liñas con percorridos que unen todos os pobos do concello con Vilar de Santos. Así:

  • A Liña 1: sae ás 8:45 horas desde Laioso, por Bréixome de Arriba, cruce Bréixome de Abaixo, A Venda, Toxediño e Vilar de Santos (Centro de Saúde e Casa do Concello) e volta ás 11:30 horas desde a Casa do Concello e Centro de Saúde.
  • A Liña 2: sae ás 8:55 horas desde Alto de Outeiro, por Parada, Castelaus polo pobo e Vilar de Santos (Centro de Saúde e Casa do Concello) e volta ás 11:45 horas desde a Casa do Concello e Centro de Saúde.
  • A Liña 3: sae ás 9:05 horas desde Casas da Veiga, por Barrio e Vilar de Santos (Casa do Concello e Centro de Saúde) e volta ás 12 horas desde o Centro de Saúde e Casa do Concello.
  • A Liña 4: sae ás 9:15 horas desde O Vieiro, A Ponte, a Pallota, Mosqueiro e Vilar de Santos (Centro Saúde e Casa do Concello) e volta ás 12:15 horas desde a Casa do Concello e Centro de Saúde.

Os usuarios do taxi compartido pagarán unha tarifa plana e única en todo o termo municipal de 1,40 euros por viaxe e usuario.

O servizo de transporte de taxi compartido préstase co vehículo da licenza de taxi número 1 de Vilar de Santos, que é a única existente no Concello, mediante un convenio e de xeito exclusivo no termo municipal. Os usuarios do taxi compartido pagarán unha tarifa plana e única en todo o termo municipal de 1,40 euros por viaxe e usuario.

Con este proxecto, tamén intentan que os veciños poidan ter acceso e enlazar coa nova liña regular de autobús ata Xinzo que funciona os luns.

Xoan Jardón

Nesta fase de proba do proxecto dende o consistorio agradecen a colaboración veciñal para que se comunique calquera incidencia no funcionamento do servizo. A partir do 1 de febreiro faranse os axustes definitivos para establecer as liñas e horarios adecuados á demanda real existente, e así ofrecer aos veciños un servizo de transporte rápido, cómodo e eficaz. "Co lanzamento desta experiencia piloto, Vilar de Santos segue innovando e aportando ideas e solucións", sinalan. O taxi compartido é unha nova alternativa, unha nova aposta desde o grupo de goberno do Concello pola mobilidade "para seguir avanzando na calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas de Vilar de Santos", di o alcalde, Xan Jardón.