Dende a Limia
18:24 h. Jueves, 18 de Octubre de 2018

963.628 euros en axudas a entidades e concellos para iniciativas de Infraestruturas, Cultura, Deporte e Medio Ambiente

| 05 de Octubre de 2018 (19:04 h.)
Montserrat Lama
Montserrat Lama

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá 963.628 euros en axudas para concellos e entidades destinadas a iniciativas en materia de Infraestruturas, Cultura, Deporte e Medio Ambiente. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 5 de outubro de 2018.

Cooperación

No apartado de cooperación cos concellos da provincia de Ourense, na reunión aprobouse unha axuda de 8.374 euros para o Concello de Avión destinada á instalación dun centro reemisor co que dar cobertura do sinal de televisión ás localidades de Cortegazas e Vilar. Para o Concello de Baltar aprobou unha axuda de 50.000 euros para o desenvolvemento do seu Plan Cultural correspondente ao ano 2018 no que se inclúe diversas actividades.

O Concello de Bande, pola súa parte, percibirá unha achega de 20.100 euros para a substitución de iluminación pública en Ponte Liñares. Así mesmo, en relación a este municipio, a Xunta de Goberno aprobou dúas rectificacións de erro do acordo da Xunta de Goberno do 21 de setembro deste ano, relativo á aprobación do pago anticipado de dúas axudas para este municipio.

Continuando no apartado de cooperación cos concellos, na reunión aprobouse unha axuda de 25.600 euros para o Concello de Castrelo do Val para dotar á pista polideportiva de pádel dunha cuberta. Para o Concello de Cortegada aprobou unha axuda de 30.000 euros destinada ao parque empresarial, mentres que para o Concello de Cualedro aprobou unha axuda de 99.500 euros para a primeira fase da restauración da escola para Casa Niño.

Outra das axudas aprobadas na reunión é para o Concello de Entrimo por un importe de 30.000 euros que será destinada para a construción dunha pista polideportiva. Para Montederramo aprobouse unha axuda de 10.000 euros para dotar de equipamento o albergue turístico rehabilitado polo concello. Tamén outra das axudas aprobadas foi para o Concello de Muíños por importe de 50.000 euros, destinada ao programa Coñece Ourense, ao Campamento da Ourensanía, e a socorristas, todo elo correspondente ao ano 2017. Pola súa parte, para o Concello de Rairiz de Veiga aprobouse unha axuda de 17.000 euros para a adquisición de instrumentos para a Escola de Música Municipal.

Para o Concello de Vilar de Santos aprobáronse dúas axudas, unha por importe de 12.000 euros destinada aos gastos de funcionamento do Museo da Limia correspondentes ao ano 2018 e, a outra axuda de 43.000 euros para a mellora de accesos á Casa do Concello. Tamén o Concello de Xinzo de Limia recibirá dúas achegas aprobadas pola Xunta de Goberno, en concreto, unha de 30.477 euros para a reparación do tellado no local social de Laroá e, outra de 10.000 euros para a adquisición dunha máquina hidrolimpadora.

Por último, aprobouse unha modificación do Plan Provincial de cooperación do exercicio 2018 relativo ás obras correspondentes á rede viaria provincial pola que, das catro obras que se ían a realizar nos concellos de Esgos, Punxín, Verea e Vilamartín de Valdeorras, por falta de terreos, faranse doce obras en O Barco, A Gudiña, Lobeira, Monterrei, Ourense, A Pobra de Trives, A Rúa, Pereiro, Os Blancos e Xunqueira de Ambía.