Dende a Limia
05:52 h. Sábado, 15 de Diciembre de 2018

A Xunta pon en marcha este Nadal a central de chamadas para a xestión do transporte a demanda

O. Ferreiro | 18 de Diciembre de 2017 (22:38 h.)
Estación de Autobuses de Xinzo de Limia.
Estación de Autobuses de Xinzo de Limia.

Este Nadal arrinca o funcionamento piloto do sistema de "Transporte á Demanda", como un factor máis do proceso de modernización do proceso iniciado co "Plan de transporte público de Galicia". Para iso ponse en funcionamento unha central de chamadas para a reserva de prazas. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliña que o Goberno galego está a traballar para ofrecer un servizo de autobuses eficiente e de calidade para que o transporte sexa máis atractivo e máis útil para a mobilidade no rural.

O obxectivo que o transporte sexa máis atractivo e máis útil para a mobilidade no rural.

Co inicio das vacacións escolares, parte dos servizos de transporte compartido (parte das liñas e nalgúns casos, algunhas das paradas das liñas) pasarán a prestarse baixo demanda e a xestionarse a través da central de chamadas. Por iso, un día antes, o 21 de decembro porase en funcionamento a central de chamadas que facilitará o funcionamento dos servizos que xa están establecidos para a súa prestación baixo demanda e que actualmente se xestionaban a través dos teléfonos das diferentes compañías de transporte.

Marisol Díaz indica que para facilitar a información aos usuarios, a Xunta ten distribuído información precisa sobre a  posta en marcha deste novo sistema a todos os concellos afectados e ás diferentes compañías de transporte, que teñen a obriga de divulgar de forma correcta a información relativa aos servizos que prestan.

Así mesmo toda a información relativa aos servizos que funcionarán baixo demanda estará dispoñible a partir do xoves que vén a través da páxina web www.bus.gal.

As persoas usuarias disporán dun número de teléfono fixo ao que se dirixir.

Características do novo sistema de transporte

As persoas usuarias disporán dun número de teléfono fixo ao que se dirixir; no caso da provincia de Ourense é o 988 68 78 00. Prevese que o sistema estea dispoñible desde as 8:00 ata as 20:00 horas, de luns a venres laborais. Con esta franxa temporal dáse cobertura á xeneralidade de potenciais peticionarios do servizo. Os servizos para un determinado día poderanse pedir, por tanto, ata as 20:00 horas do día anterior.

Existirá unha atención telefónica personalizada, mediante axentes que coñecerán o sistema de transporte e guiarán ás persoas usuarias no proceso de realización da súa petición. Neste sentido, prevese que a persoa usuaria, logo de se identificar, indique o concello e parada de orixe e o concello e parada de destino, e o operador informaralle dos horarios e servizos dispoñibles para a data na que pretenda viaxar. Nunha mesma chamada poderanse reservar varios servizos ou prazas neles para máis dunha persoa. As peticións de servizo serán rexistradas polo operador, coa incorporación de datos básicos para a identificación do solicitante ao que se lle indicará un código coa súa reserva. Esta reserva poderá ser anulada, igualmente, ata as 20.00 horas do día anterior ao da realización da viaxe.

O sistema reportará ás empresas de transporte tanto as reservas ou as súas anulacións segundo se vaian realizando

O custe do servizo de transporte para a persoa usuaria non se verá incrementado pola utilización do sistema de petición, abonando as tarifas xerais do servizo de transporte.

O sistema reportará ás empresas de transporte tanto as reservas ou as súas anulacións segundo se vaian realizando e, pouco despois das 20:00 horas, o conxunto de peticións formuladas para o día seguinte. As compañías están obrigadas a atender todas as demandas de transporte comunicadas.

Unha vez posto en marcha o modelo inicial, e tamén coa análise do mesmo, se introducirán progresivamente novas funcionalidades complementarias, dirixidas a facilitar que tanto a obtención de información xeral do sistema de transporte, a busca de servizos dispoñibles, e a petición de praza en servizos ou paradas baixo demanda, se realicen de xeito sinxelo dende o móbil ou o ordenador. Igualmente, permitirase un mellor seguimento das mesmas por parte das empresas que prestan os servizos e a verificación da súa correcta atención por parte da Administración.