domingo 22.09.2019

ADEGAL reuniuse coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil

Na responsabilidade da calidade das augas, deben sumar esforzos todas as partes implicadas
Foto arquivo
Foto arquivo

Na mañá de onte ,membros de  Adegal, con representación do sector agrícola, gandeiro e empresarial da comarca da Limia, desprazouse a Ourense para manter unha reunión coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, con participación do Presidente, o Comisario de Augas e varios técnicos do Organismo de Conca.

Adegal manifestou as dificultades que as explotacións atravesan día a día, acometendo fortes inversións, e   sendo conscientes de que a mellor defensa do noso medio ambiente é a que de forma sostible fan os  agricultores e gandeiros, xerando riqueza e creando un futuro para as seguintes xeracións. Por tanto, solicitouse a coordinación entre as distintas Administracións, coa colaboración do sector produtivo, perfectamente organizado, e que así o leva demostrando ó longo destes últimos anos, participando en accións formativas e  en cumprimento da normativa vixente, con explotacións cada vez máis sostibles.

Na responsabilidade da calidade das augas, deben sumar esforzos todas as partes implicadas, dando cumprimento tamén por parte das Administracións á  correcta depuración das augas residuais e tamén á limpeza dos ríos e canles, así como a axilización das  autorizacións dos propietarios interesados en acometer con medios propios ditas melloras.

Fundamental tamén é a consecución das infraestruturas de regadío, que revertirán na mellora medioambiental  da comarca, con implantación de novos cultivos, aumentando a eficiencia dos recursos e diversificando a economía das explotacións.

Trátase de aunar esforzos na mesma dirección e en perfecta simbiose, garantíndose a viabilidade de numerosas explotacións agrícolas e gandeiras que son o motor fundamental da comarca e un referente en manexo e produción en Galicia.