Jueves 23.05.2019

Antonio Iglesias Álvarez (Lobeira, 1958) será o candidato do Partido Popular no Concello de Lobeira

O presidente provincial, Manuel Baltar, amosouse convencido de que o candidato “obterá unha nova maioría como recompensa a un traballo centrado na atención aos servizos sociais, na preservación dos valores medio ambientais do concello e nunha mellora permanente das infraestruturas”.

Antonio Iglesias Álvarez (Lobeira, 1958) será o candidato do Partido Popular no Concello de Lobeira, onde tentará conseguir a súa segunda maioría absoluta como grupo de goberno. Un novo mandato no que, afirma, “seguiremos a incrementar a atención aos maiores e no que prestaremos especial atención ás comunicacións”.  Un traballo, presente e futuro, que para o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, “merecerá de seguro a confianza maioritaria dos veciños, que queren un alcalde fiable como é o noso candidato”.

A experiencia na vida municipal de Antonio Iglesias ven de lonxe, cando en 1987 entrou a formar parte da corporación. Un paso á fronte “pola inquidanza que tiña entón de facer cousas por Lobeira e animado polos veciños; aquel era o momento de achegar o meu traballo para comenzar a loitar por un concello mellor, como así fixen con máis ilusión aínda neste primeiro mandato”.

O candidato popular baseou a súa xestión nestes catro anos no ámbito social, “procurando máis atención e mellores servizos para que os maiores e as persoas dependentes puidesen vivir nas súas casas”. Unha liña de traballo que implicou, ademais, a creación de emprego “e polo tanto tamén máis oportunidades para que a xente siga a vivir en Lobeira”. Un obxectivo prioritario que seguirá presente nun próximo mandato “xa que temos que ter en conta que somos un concello transfronteirizo, afastado das cabeceiras de comarca e da capital da provincia”.

O mantemento e mellora de infraestruturas nos vinte e seis núcleos de poboación distribuídos en sete parroquias, así como actuacións para a posta en valor dun territorio enmarcado no parque natural do Xurés, tamén ocuparon a atención do equipo de goberno de Iglesias, que ten xa a mirada posta nas comunicacións, “posto que para nós é fundamental ter boas conexións non só no interior do municipio, senón tamén cos concellos limítrofes, cos que estamos a desenvolver servizos de xeito conxunto para optimizar os recursos que temos”.

Unha idea de comarca moi valorada por Manuel Baltar, para quen Iglesias “amosou desde a alcaldía todas aquelas virtudes que o caracterizaban na súa etapa anterior como concelleiro, é dicir, boa xestión, conexión coa veciñanza e total disposición para atopar solucións canto antes ás necesidades da xente”.

O candidato, subliñou o presidente provincial, “centrou o seu labor na atención aos servizos sociais, na preservación dos valores medio ambientais do concello e nunha mellora permanente das infraestruturas, apoiado por un grupo de goberno con disciplina de equipo e coñecedor do territorio”.

Por todas estas razóns, concluíu Baltar, “estamos convencidos de que o traballo de Antonio Iglesias verase recompensado coa confianza e o apoio maioritario dos veciños de Lobeira”.