Dende a Limia
05:38 h. Lunes, 11 de Diciembre de 2017

Ao Entroido adica a Deputación a 5ª Semana Escolar da Provincia

| 23 de Noviembre de 2017 (20:55 h.)
Presentación na Deputación Provincial
Presentación na Deputación Provincial

A 5ª Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación achegará este ano os distintos aspectos do entroido como patrimonio inmaterial a máis de 8.700 alumnos e profesores de 66 centros educativos da provincia que participan nesta iniciativa promovida e organizada pola Deputación de Ourense. A presentación tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a coordinadora da actividade, Llerena Perozo; e o autor do manual, Alberto Ramos.

Como actividade previa, o vindeiro sábado terá lugar a tradicional xornada de portas abertas no Pazo Provincial, que contará coa participación do presidente, Manuel Baltar, quen destacou hoxe, na presentación que esta Semana “é un excelente momento para que as aulas falen de Ourense neste mes no que andamos, que é o noso”, afirmando que esta iniciativa “ten un alto compoñente de identidade e naceu co obxectivo de achegar aínda máis a Deputación á provincia e aos seus cidadáns, un feito que se mide polo éxito desta Semana Escolar que cada ano rexistra un maior número de participantes”.

Esta edición vai dedicada “a unha das cuestións máis nosas, que ten que ver coas nosas raíces etnográficas: o entroido, e queremos que chegue ao maior número de escolares para que poidan aprender, debater, formarse e interiorizar conceptos relacionados co entroido e as tradicións da nosa provincia”, expresou Manuel Baltar.

Nesta quinta edición participarán un total de 8.751 persoas entre alumnado e profesorado, que traballarán sobre os distintos aspectos do entroido e a súa historia, tradicións e iconografía. Para elo, a Deputación de Ourense editou o manual De Entroido pola ourensanía, ilustrado por Ana Costas e escrito por Alberto Ramos, autor quen vén de gañar o Premio Vicente Risco de Creación Literaria coa obra A simetría das bestas.

O escritor explicou que neste manual recupera a personaxe de Auria, “quen fai un percorrido por medio da literatura para achegar a realidade do entroido. Deste modo, a protagonista mergúllase nas posibles orixes da festa e viaxa a diferentes puntos da provincia facendo un percorrido representativo desta celebración”. Ademais do manual editouse unha guía do profesorado e un programa de actividades con propostas de traballo.

Esta actividade desenvolverase do 27 de novembro ao 1 de decembro en 66 centros educativos, nos que 587 docentes realizarán co seu alumnado as actividades propostas. Participan alumnos desde 6º de Primaria a 4º da ESO, aínda que hai centros nos que tamén concorren alumnos de Ciclos e de Bacharelato.

Llerena Perozo explicou que o obxectivo é “centrarmos cada ano en diferentes temáticas que non están expresamente incluídas no currículo escolar pero que si se relacionan con el, así aproveitemos o que o alumnado xa está a estudar para aumentalo con contidos que lles axudan a coñecer mellor a súa realidade máis próxima”. A coordinadora da actividade destacou o incremento de centros participantes e salientou o importante labor que levan a cabo os profesores.

Ademais das actividades nos centros educativos, o vindeiro sábado terá lugar a xornada de portas abertas no Pazo Provincial, e o 27 de novembro alumnos do Colexio “María Auxiliadora” de Ourense protagonizarán un pleno infantil no que abordarán a temática da Semana Escolar. Como remate, o 1 de decembro, os centros participantes realizarán unha serie de actos relacionados cos traballos que desenvolveron ao longo destes días.