Dende a Limia
06:02 h. Jueves, 26 de Abril de 2018

Aprobadas as bases do XXXVII Premio “Blanco Amor” e do XV Premio “Pura e Dora Vázquez”

| 06 de Abril de 2018 (16:02 h.)
Deputacin de Ourense
Deputacin de Ourense

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá as bases reguladoras da XXXVII edición do Premio “Blanco Amor” de novela longa e da XV edición do Premio de narración e ilustración “Pura e Dora Vázquez”.

 

No Premio “Blanco Amor” poderán participar todos os autores que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial, e as obras presentadas deberán ser inéditas. As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos. Así mesmo de cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Deputación de Ourense, rúa Progreso n.º 32, 32003 Ourense, facendo constar no exterior “Para o XXXVII Premio Blanco Amor”. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e o enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.

 

O prazo para presentar as obras rematará o venres, 14 de setembro de 2018, coincidindo co cento vinte e un aniversario do nacemento, en Ourense, de Eduardo Blanco Amor. O xurado do certame, que será nomeado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco Amor, estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega.

 

O premio, que se poderá declarar deserto de non existir obras de calidade adecuada a xuízo do xurado, estará dotado con 15.000 euros e unha obra escultórica. Asemade, a concesión do premio implicará a cesión ao autor dos dereitos da primeira edición en lingua galega da obra,a cal deberá realizarse nun prazo máximo dun ano dende a data da entrega do premio, quedando sen efecto a cesión no caso de que no dito prazo non se leve a cabo. E, as obras que non sexan premiadas devolveránselles aos autores que o soliciten nun prazo dun mes contado dende o día do veredicto. En caso de non recollerse dentro deste prazo os orixinais serán destruídos.

 

A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, o sábado 1 de decembro de 2018, trinta e nove cabodano do autor de A Esmorga.

XV Premio “Pura e Dora Vázquez”

No que atinxe ao XV Premio “Pura e Dora Vázquez”, na modalidade de narración poderán presentarse autores de calquera nacionalidade, sempre que presenten os seus orixinais en lingua galega. As narracións terán temática libre, adaptada a un público infantil ou xuvenil, e os textos serán inéditos e totalmente orixinais. Os textos presentados deberán ter unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, sempre escritos en programa Word, fonte tipográfica Times New Roman, tamaño de letra 12 puntos e interliñado 1,5.

A presentación dos orixinais poderá realizarse de maneira presencial entregando un exemplar da obra en sobre pechado, indicando no seu exterior “Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración” na oficina de asistencia ao cidadán en materia de rexistros, ou remitindo por correo certificado o exemplar da obra en sobre pechado, indicando no seu exterior “Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración”, ao enderezo: Deputación Provincial de Ourense, Rexistro Xeral, rúa do Progreso, 32 (32003 – Ourense).

 

As obras remitidas irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e unha fotocopia do DNI. Se as obras se remiten por correo certificado, deberá remitirse por correo electrónico á dirección publicacions@depourense.es  unha copia do xustificante do envío emitido pola oficina postal. Os interesados en participar teñen de prazo para presentarse ata o día 31 de maio de 2018.

 

O premio, que poderá ser declarado deserto no caso que o xurado así o considere, está dotado con 1.500 euros.

 

O xurado do certame estará composto polos seguintes membros: o presidente da Deputación de Ourense ou persoa na que delegue, e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia, actuando de secretaria a Xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue.

 

A Deputación de Ourense, resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada. Asemade, os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ó veredicto. Rematado ese prazo os que non se retiren, serán destruídos.

 

No relativo á modalidade de ilustración as bases recollen que poden concorrer ao premio ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste «XV Premio Pura e Dora Vázquez» de narración xuvenil.

As ilustracións deberán adaptarse ao tamaño do libro, que será o seguinte: Ilustración de portada: 145 x 210 mm., tamaño visible da portada co libro pechado, sen sangue. 513,6 x 216 mm., tamaño total incluído solapas, contraportada e sangue; e as ilustracións interiores: 296 x 216 mm., sobre páxina con sangue. A presentación dos traballos réxese polas mesmas regras que na modalidade de narración, rematando o prazo de admisión de orixinais o día 3 de setembro de 2018. O premio, que poderá ser declarado deserto, no caso que o xurado así o considere, está dotado con 1.500 euros.

O xurado desta modalidade tamén estará composto polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa na que delegue, e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia, actuando de secretaria a Xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue

A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada. Ao igual que na modalidade de narración, os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ó veredicto. Rematado ese prazo os que non se retiren, serán destruídos.

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais), e disporá de exemplares para a súa distribución venal nas condicións establecidas na Ordenanza reguladora de Publicacións publicada no BOP do día 19 de novembro de 2013.