Domingo 21.04.2019
NOTA DE PRENSA DE XINZO ADIANTE

O AUDITORIO DE XINZO DE LIMIA

Como se acostuma a dicir nestes casos, “se a dita é boa ben vida sexa” polo que lles damos a noraboa tanto a PP como PSOE por sumarse a este carro

CONSERVATORIO
CONSERVATORIO

No xornal “La Región” do 4 de febreiro publicouse que o PP e o PSOE se unirán para pedir un auditorio para Xinzo. Ían sendo horas de que se desen de conta da mala xestión que fixeron no seu momento. Por certo, XINZO ADIANTE lamenta que non fósemos convidados a este acto.

            Queremos lembrar que no ano 2008 se aprobou o famoso  “Plan Zapatero”. O Concello de Xinzo de Limia con este plan fixo varias obras, entre elas o actual Conservatorio de Música, nun terreo que o Concello tiña por detrás do consistorio.

Daquela, as veciñas e veciños da rúa Marcelo Macías –entre eles o protavoz de Xinzo Adiante, Manuel Pérez Campos-  opuxéronse a esa obra, por considerar que ese non era o sitio idóneo para facelo. Mantivéronse reunións co Alcalde de Xinzo, Isaac Vila Rodríguez, e fixéronselle diversas propostas, sobre onde debería situarse esa obra e sobre a necesidade de que non só se tratase dun conservatorio, senón tamén dun auditorio.

            Propuxermos os veciños que se edificase no solar que o Concello ten ao final da Rúa Toural – Alexandre Bóveda. Alí podía facerse un auditorio no baixo e o conservatorio nas tres plantas superiores. E no parque do Toural poderíase facer un auditorio exterior para a época de bo tempo.

            Non tiveron en conta as propostas dos veciños e a realidade é que o conservatorio é un edificio escondido. A nosa proposta era que no seu actual emprazamento se fixese un parque para goce das persoas. Hoxe estase usando a Praza Carlos Casares para que as crianzas xoguen nela, co perigo que supón o continuo paso de vehículos. Algo que na parte de atrás non pasaría.

            O PP por acción e o PSOE por inacción (tan só lle interesaba que en Xinzo se visen moitos carteis co “PLAN E”, independentemente de se a obra era adecuada, necesaria e do seu custe económico) son os responsables de que a día de hoxe Xinzo non teña un auditorio en condicións.

            Tamén queremos recordarlles que o que hoxe é portavoz de Xinzo Adiante, Manuel Pérez Campos, foi denunciado por inxurias ao Concelleiro de Obras por culpa de este conflito, sendo absolto.

            Xinzo Adiante xa levou no seu programa do ano 2015 facer o Auditorio como unha das infraestruturas máis necesarias para o desenvolvemento económico e social de Xinzo, xunto con outras máis tamén de vital importancia (regadíos, circunvalación, residencia da terceira idade pública... e moitas máis). E se as veciñas e veciños de Xinzo depositan en nós a confianza necesaria para gobernar este Concello a partir do 26 de maio de 2019 traballaremos arreo para facelas realidade.

 Todas estas infraestruturas tamén foron propostas tanto no Parlamento do Estado Español como no de Galicia e foron sistematicamente rexeitadas polos distintos gobernos, tanto do Estado como da Xunta.

            Como se acostuma a dicir nestes casos, “se a dita é boa ben vida sexa” polo que lles damos a noraboa tanto a PP como PSOE por sumarse a este carro.