Dende a Limia
03:14 h. Domingo, 20 de Agosto de 2017

O BNG posicionase en contra da planta de Parada de Ribeira

| 10 de Junio de 2017 (17:47 h.)

Logo de anos de tramitación e cun troco normativo polo medio, o grupo de goberno do PP ven de dar luz verde á posta en marcha da Planta de produción de mestura bituminosa en quente na canteira de Bouzas, nº266, de Parada de Ribeira.

De nada serviron os centos de alegacións presentadas polos veciños e veciñas de Parada e que agora, tres anos despois, veñen de ser desestimadas polo propio Concello ao entender que o proxecto se axusta á legalidade e cumpre todos os requisitos técnicos e administrativos.

Para o BNG o punto de inflexión deste tema estivo en maio de 2014, cando se tivo por primeira vez no Concello coñecemento do proxecto da empresa ao ser requirido durante a tramitación do expediente de Incidencia Ambiental. Como ven acontecendo habitualmente o Alcalde, Antonio Pérez, e o seu Grupo de Goberno daquelas, non tomaron conciencia da verdadeira dimensión do problema e despacharon o asunto coma un simple trámite, informando de que a actividade non era compatíbel co uso do chan, mais que podía ser autorizada pola Xunta. Deste xeito pasou o momento chave de todo o proceso sen unha oposición clara e rotunda do propio Concello e sen alertar e informar aos veciños e veciñas, que non puideron personarse no trámite para alegar co cal, finalmente, a Declaración de Incidencia Ambiental foi favorábel á realización da actividade.

242A partires de aquí, e unha vez alertados os veciños de Parada polo inicio das obras de construción da planta que a empresa xa estaba realizando sen licenza municipal, saltaron todas as alarmas e o PP, respondendo á mobilización veciñal, tentou unha resposta tardía e, á vista dos recentes acontecementos, totalmente insuficiente.

Dende o grupo municipal do BNG esixiremos todas as explicacións e responsabilidades por un proxecto que consideramos altamente lesivo para os veciños e veciñas de Parada e unha nova agresión ao xa historicamente maltratado medioambiente da comarca da Limia. Ao tempo lembrámoslle ao Sr. Pérez que comprometeu a súa dimisión no caso de que a planta abrise as portas e, desgraciadamente, isto xa é só unha cuestión de tempo.