Dende a Limia
03:17 h. Lunes, 10 de Diciembre de 2018

Cabrito de prato forte criado no propio centro

| 22 de Noviembre de 2014 (22:51 h.)

Este sábado, día 22 de novembro o C.D.R. “Viso” celebrou unha xornada conmemorativa para o voluntariado que, un ano máis, colabora activamente no desenvolvemento dos seus programas. Durante a xornada fixemos  un percorrido cronolóxico dende o seu nacemento e feitos máis importantes para rematar cun xantar coas persoas que acoden diariamente a compartir unha comida no comedor social do Centro de Inclusión de Lodoselo, e que no mes decembro cumprirá 16 anos.

Durante este ano obtívose unha notable resposta solidaria por parte da poboación, fundamentalmente mulleres como é habitual, que se uniron solidariamente  á  organización e traslado dos repartos de alimentación e hixiene a través do Programa de Atención Urxente a Persoas en Situación de Risco ou Exclusión social, persoas e institucións que doaron  alimentos, que puxeron horas do seu tempo en detrimento das necesidades máis enfrontadas, etc. Tamén se incorporou mocidade ao Pobo-Escola, unha boa oportunidade para aprender realizando un servizo voluntario e de animación no rural.

O C.D.R. traballa para a inclusión e a integración social da poboación máis necesitada polo que, colaborar voluntariamente, significa retomar os valores da axuda mutua, a solidariedade organizada, a reciprocidade... e a resposta obtida evidencia que a poboación está a tomar conciencia cívica acerca da necesidades existentes e reais da cidadanía que non se solventan coa simple evolución da economía de mercado e polo tanto se une a causas solidarias e de xustiza social.