Dende a Limia
04:04 h. Martes, 26 de Septiembre de 2017

Controles de cintos de seguridade e sistemas de retención infantil

| 09 de Septiembre de 2017 (13:03 h.)

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha desde o vindeiro luns día 11 unha campaña intensiva para controlar o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil (SRI). Esta iniciativa enmárcase dentro da programación de campañas especiais de vixilancia previstas pola DXT para este ano co ánimo de mellorar a seguridade viaria e concienciar aos usuarios das vías sobre a importancia de manter comportamentos máis seguros.

Durante unha semana, ata o domingo día 17 incluído, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis para comprobar que tanto o condutor como os ocupantes dos vehículos fan uso do cinto de seguridade. Comprobarán, de igual modo, que os menores viaxan cos correspondentes sistemas de retención infantil adecuados á súa estatura, peso e idade. Tamén se convidou aos concellos para sumarse a esta campaña, dada a relevancia de que os condutores adquiran o hábito de usar os cintos na contorna urbana.

Sempre que sexa posible, tanto nas pantallas alfanuméricas dos vehículos dos axentes como nos paneis de sinalización variable, advertirase aos condutores da existencia próxima de controis.

O uso de sistemas de retención homologados veuse evidenciando como o sistema de seguridade viaria máis sinxelo e rendible en todo tipo de vías e traxectos, ademais de ser imprescindible para que o airbag sexa eficaz.

O cinto de seguridade é un seguro de vida. Non hai que esquecerse del e levalo sempre abrochado, tanto na estrada como en cidade. A DXT estima que o seu uso reduce á metade o risco de morte en caso de accidente.

No caso dos sistemas de retención infantil, a DXT lembra que un neno sen suxeición multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais ou graves. Neste sentido, un dos obxectivos do Plan Estratéxico de Seguridade Viaria 2011-2020 é ?lograr que ningún neno perda a vida por non ir correctamente sentado nunha cadeira adecuada para o seu peso e talla?.

Nos últimos anos observouse en España unha tendencia estable do 25% de vítimas mortais en accidente de tráfico que non usaban o cinto ou sistema de retención infantil respecto ao total rexistrado.

 

CAMPAÑA ANTERIOR EN GALICIA

Na campaña específica de control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil desenvolvida desde o 12 ata o 18 de setembro de 2016, en Galicia controláronse 39.219 vehículos e formuláronse 268 denuncias.

Tráfico intensificará a próxima semana a vixilancia sobre ou uso do cinto e vos sistemas de retención infantil