Dende a Limia
12:44 h. Jueves, 21 de Junio de 2018

A Deputación apoiará aos produtores de pataca da Limia nos ámbitos da promoción e as infraestruturas das explotacións

| 09 de Enero de 2018 (22:08 h.)

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia, Amador Díaz, e membros da directiva deste colectivo, con quen analizou a situación actual deste importante sector da agricultura limiá. O presidente do goberno provincial comprometeu o apoio da Deputación para impulsar iniciativas de dinamización neste ámbito colaborando cos produtores de pataca, entre elas a cooperación para a organización dunha feira anual e axudas económicas para a adquisición de maquinaria para acondicionar as pistas de acceso ás explotacións de pataca.

Manuel Baltar destacou "o compromiso da institución provincial co sector agrario da provincia de Ourense" e subliñou a importancia desta actividade na comarca da Limia, lembrando os servizos que presta o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia, pertencente ao Inorde. Nesta liña de colaboración co sector da pataca, Baltar lembrou a reunión que mantivo co presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida "Pataca de Galicia", Guillermo Budiño, colectivo que atende o labor que se desenvolve no ámbito da pataca en Galicia, onde destaca Ourense como provincia coa maior porcentaxe de produtores censados na Comunidade Autónoma, co 85 %, seguido da Coruña (11 %) e Lugo (4 %).

"A colaboración cos ámbitos agroindustrial e agroalimentario é estratéxica e de grande relevancia para favorecer a competitividade da nosa economía nestes sectores", remarcou Manuel Baltar, citando como exemplo a liña da cooperación que mantén a Deputación de Ourense cos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas de Ourense -Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra-, aos que o ente provincial apoia economicamente para os gastos de xestión e funcionamento.