Dende a Limia
16:27 h. Jueves, 20 de Septiembre de 2018

A Deputación de Ourense convoca o “V Premio Estatuto de Autonomía para Galicia” de debuxo e redacción escolar

| 16 de Febrero de 2018 (21:42 h.)
Montserrat Lama
Montserrat Lama

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá as bases reguladoras e a convocatoria do “V Premio Estatuto de Autonomía para Galicia” de debuxo e redacción escolar, correspondente ao ano 2018. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 16 de febreiro de 2018.

O lema da quinta edición deste concurso é “Un territorio coas súas formas tradicionais de convivencia e asentamento”. Poderán participar os estudantes dos niveis educativos de infantil, primaria, educación especial, ESO e Bacharelato e ciclo medio de formación profesional, de centros de ensino público, concertado ou privado, da provincia de Ourense. Os alumnos realizarán os seus trabalos de xeito individual.

O premio presenta dúas modalidades: a de debuxo ou traballo artístico, facendo referencia ao lema, para os alumnos de educación infantil e primaria, e os alumnos de educación especial. Deben presentar o traballo nun folio ou cartolina en branco, tamaño A4, sen relevos e a técnica que empreguen é libre. Na modalidade de redacción, sobre o Estatuto de Autonomía, os traballos que presenten os alumnos de ESO, Bacharelato e ciclo medio de formación profesional, deberá ter unha extensión mínima de sete folios e máxima de doce, escrita en galego, a man ou en ordenador, por unha soa cara e a dobre espazo. En caso de que o traballo se realice en ordenador, o tipo e o tamaño da letra será Arial 12. O traballo de redacción poderá ser ampliado ou complementado con fotografías, recortes de prensa, etc.

Os traballos poderán presentarse en papel ou en soporte electrónico cunha tecnoloxía que permita a súa visualización nun entorno Windows. O autor poderá entregar un CD/DVD coas aplicacións reinstaladas que permitan a súa visualización sen ningún tipo de instalación en disco. Os traballos poderán presentase ata as 14.00 horas do día 19 de marzo de 2018.

 

En canto aos premios, na modalidade de debuxo, o xurado seleccionará os 12 mellores, tendo en conta cada un dos niveis educativos, así como os diferentes cursos e idades dos participantes, que serán premiados cun diploma e un lote de libros. E, na modalidade de redacción, o xurado seleccionará os 20 mellores traballos, tendo en conta os niveis educativos, cursos e idades dos participantes, que serán galardoados cun diploma, un lote de libros e unha viaxe a Santiago de Compostela, para visitar o Parlamento de Galicia e realizar outras actividades culturais.

O ditame do xurado farase público o día 30 de marzo e a entrega dos premios será no transcurso dun acto institucional, presidido polo presidente da Deputación de Ourense, que terá lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o 6 de abril de 2018, para conmemorar o día do Estatuto de Autonomía para Galicia.

Benestar

Por último, aprobouse modificar as bases reguladoras do concurso para o concesión de axudas para o fomento da natalidade na provincia de Ourense, Programa ChegOU, correspondentes ao exercicio 2018, polo que se engade unha nova base que recolle que tamén poderán ser beneficiarios das axudas os proxenitores, titores ou adoptantes de nenos ou nenas nacidos entre o 1 de decembro e o 31 de decembro de 2017, que non solicitaran a dita axuda ao abeiro do Programa ChegOU 2017.