Dende a Limia
00:12 h. Domingo, 16 de Diciembre de 2018

A Deputación de Ourense destina preto de 600.000 euros en axudas para temas de Cultura e Deporte

| 25 de Noviembre de 2018 (10:53 h.)
Montserrat Lama
Montserrat Lama

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá as bases reguladoras para a convocatoria de axudas en materia de Cultura e Deportes, que ascenden a un orzamento total de 599.000 euros. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 23 de novembro de 2018.

En concreto, na reunión aprobáronse as bases para a convocatoria de axudas a clubs deportivos de Ourense para o ano 2019, coa finalidade de financiar parcialmente os gastos derivados da súa participación na competición deportiva durante a tempada 2018-2019.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os clubs deportivos que estean inscritos nos rexistros deportivos correspondentes da Xunta de Galicia e teñan o seu domicilio social na provincia de Ourense. Así mesmo, deberán participar nesta tempada en competicións oficiais, convocadas polas súas respectivas federacións e posuír, polo menos, un equipo de base acreditado. No caso de ser disciplinas individuais teñen como requisito básico posuír un mínimo de dez licenzas federativas de deportistas de base en competición.

A dispoñibilidade orzamentaria destinada para esta convocatoria ascende aos 400.000 euros, sendo a contía máxima por axuda de 24.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes iniciarase a partir da publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 15 de xaneiro de 2019.

Continuando en materia deportiva, a Xunta de Goberno tamén aprobou as bases da convocatoria para a concesión de axudas para as Copas Deputación 2019 que teñen un forte arraigo e tradición na nosa provincia e que canalizan as axudas ao deporte de competición federado para garantir a continuidade de determinadas competicións deportivas amateur. Estas axudas están destinadas a desenvolver competicións deportivas que baixo a denominación Copas Deputación, se celebren integramente na provincia de Ourense durante a presente tempada 2018-2019, non podendo existir máis dunha Copa Deputación por modalidade deportiva.

As solicitudes deberán presentarse a partir do día da publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, ata o 15 de xaneiro de 2019. O orzamento destinado para este programa Copas Deputacións ascende aos 79.000 euros.

As últimas bases reguladoras aprobadas na reunión de hoxe son para a convocatoria de axudas para o fomento de actividades escénicas e musicais 2019 que teñen como obxectivo financiar parcialmente a realización destas actividades con carácter público na provincia de Ourense. Son beneficiarios directos destas axudas as persoas físicas ou xurídicas ou as agrupacións sen personalidade xurídica, domiciliadas fiscalmente na provincia de Ourense que, realicen as ditas actividades escénicas e musicais. A dispoñibilidade orzamentaria para esta convocatoria é de 120.000 euros, sendo a contía das axudas do 50% do custo total de cada actuación. As solicitudes poderanse presentar a partir da publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións ou no BOP e ata o 20 de decembro de 2019.

Outro dos asuntos aprobados pola Xunta de Goberno foi a fixación dos prezos públicos de “Pazolandia”, que establece un importe de 4 euros para as entradas do público en xeral, e un prezo de 3 euros para as entradas de persoas que accedan en viaxes promovidos polos concellos da provincia.

Cooperación

En materia de cooperación con entidades e concellos da provincia, a Xunta de Goberno aprobou un total de 212.181 euros en axudas para iniciativas de Cultura, Deporte, Infraestruturas e Medio Ambiente. Deste modo, aprobouse unha axuda para a Asociación Socio-Cultural Amigos da Romaria da Saínza, por importe de 12.500 euros, para a celebración da festa da Saínza 2017. Para a Diócese de Ourense aprobou unha axuda de 8.000 euros para as campás de San Pedro de Laroá, no termo municipal de Xinzo de Limia.

No apartado de cooperación cos concellos, na reunión aprobouse para o Concello de Rairiz de Veiga, unha axuda de 12.500 euros, para a celebración da Festa da Saínza 2018.