Dende a Limia
00:06 h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

A Deputación de Ourense renova as listas para a contratación de persoal temporal

| 20 de Octubre de 2018 (20:29 h.)

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar as bases reguladoras para a renovación das listas para a contratación de persoal temporal ou funcionario interino nas categorías máis demandadas que corresponden ás de auxiliar administrativo, subalterno, legoreiro, operario de mantemento, operario limpador, operario sen cualificar e porteiro para o servizo da Deputación de Ourense e do INORDE. A través destas listas, a Administración Provincial contrata, por medio dun concurso público, a este tipo de persoal nas categorías correspondentes ao subgrupo C2 e ás agrupacións profesionais sen titulación.

Con esta actualización –explicou o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar- “cumprimos un dobre obxectivo: cubrir, por unha parte, as necesidade demandadas polos diferentes servizos provinciais e, por outra banda, o goberno provincial continúa a mellorar a calidade dos servizos que presta tanto a concellos como aos nosos cidadáns”.

Asemade, a institución provincial aprobou tamén, tal e como figura no BOP correspondente ao día de hoxe, as listas previas para a contratación de persoal laboral temporal ao servizo da Deputación e do INORDE nas categorías profesionais de chofer especialista e condutor de maquinaria de obras públicas e vehículos especiais. Estas listas veñen a substituír ás que actualmente se atopan vixentes.

As persoas interesadas en formar parte destas listas deberán cumprir unha serie de requisitos, recollidos nestas bases reguladoras que poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de 20 de outubro de 2018. O prazo para presentar as solicitudes de inscrición en ambas listas remata o día 20 de novembro. Os modelos para a presentación de solicitudes e pago das taxas pódese descargar a través do enlace: http://www.depourense.es/index.php/ofertas-de-emprego

Así mesmo, para participar no proceso selectivo deberán aboar previamente a taxa establecida na vixente Ordenanza Fiscal, que ascende a 13 euros para o subgrupo C2 e a 10 euros para o resto de categorías. Estarán exentos de pagar esta taxa, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33%, persoas que acrediten atoparse en situación de desemprego como parados de longa duración e, para as persoas que forman parte dunha familia numerosa, gozarán dunha bonificación do 50%.

 

 Para máis información: https://bop.depourense.es/portal/