jueves 14.11.2019

A Deputación e Sogama asinan un novo acordo para estender a compostaxe doméstica a novas vivendas

Nunha primeira fase levarase a cabo tarefas de divulgación, captación e selección de participantes, pasando logo á fase de formación e culminando coa de seguimento porta a porta

A Deputación e Sogama asinan un novo acordo para estender a compostaxe doméstica a novas vivendas

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, asinaron hoxe, no Pazo Provincial, un novo convenio de colaboración entre ambas entidades para seguir impulsando a compostaxe doméstica na provincia.

Tralo éxito da I Campaña Provincial de Compostaxe 2017-2018, que contemplou a distribución de 1.125 composteiros en vivendas unifamiliares de distintos concellos, o acordo selado hoxe está orientado a materializar a que será a II Campaña Provincial de Compostaxe Doméstica 2019-2020, dirixida aos 91 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes.

A dirección, supervisión e control dos traballos vinculados a esta iniciativa correrán a cargo da Deputación, que estará coordinada en todo momento con Sogama na xestión de tódalas actividades a levar a cabo tales como xornadas de formación, contidos do material divulgativo a editar, seguimento das distintas tarefas, etc.

Estrutura

Nunha primeira fase, a campaña centrarase na divulgación, captación e selección dos participantes. O criterio a seguir, tralo compromiso de colaboración por parte dos entes locais interesados, será por estrita orde de solicitude e, se a demanda fose superior ao número de composteiros dispoñibles, darase prioridade ás solicitudes daqueles concellos que non tiveran participado anteriormente en programas de compostaxe promovidos por Sogama ou pola propia Deputación.

Os veciños que queiran formar parte desta campaña, deben cumprir cunha serie de condicionantes tales como ter a súa primeira residencia no termo municipal do concello participante, asistir á xornada de formación, dispoñer dunha superficie de terreo mínima para aplicar o compost resultante, entre outros.

Nunha segunda fase prestarase especial atención á transmisión de coñecementos na materia a fin de que os usuarios poidan obter un compost de alta calidade que cumpra con tódolos parámetros contemplados na lexislación vixente e poida aplicarse ao solo con garantías e sen restricións.

A terceira fase centrarase no seguimento, que se traducirá en visitas físicas a cada vivenda para comprobar o proceso, corrixir erros, solventar dúbidas e tamén tomar boa nota de propostas e opinións.

Vixencia e orzamento

O convenio, que estará vixente durante un ano, conta cunha dotación orzamentaria de 60.000 euros que será sufragada pola Deputación de Ourense e por Sogama a partes iguais.

Unha comisión de vixilancia, control e seguimento, conformada por un representante da Deputación Provincial e outro de Sogama, velará polo correcto desenvolvemento deste acordo.