martes 16.07.2019

A fundación Curros Enríquez recrea a imaxe de Manuel Curros ante a tumba de Rosalía

A Fundación Curros Enríquez acompañou á Fundación Rosalía de Castro nun acto homenaxe a Rosalía de Castro no Panteón de galegos ilustres en Santiago de Compostela onte, 11 de xullo de 2019. Xunto co Colectivo de poetas de Buxelas realizouse un recitado de poemas dedicados a Rosalía de Castro e o poema "A Rosalía" de Manuel Curros Enríquez no marco dos actos "Rosalía en camiño: diálogos literarios multilingües".

Para esta ocasión recreouse imaxe realizada o 24 de setembro de 1904 que recolle a ofrenda floral que o propio Manuel Curros Enríquez realizou ante tumba de Rosalía en Santo Domingo de Bonaval e que se evoca no poema "N-a tumba de Rosalía".

Nas imaxes vese a Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, José María Rodríguez en representación da Fundación Curros Enríquez, así como varios membros do colectivo de poetas de Bruxelas entre os que están Xavier Queipo e Ramón Neto.

IMG-20190711-WA0005

NA TUMBA DE ROSALÍA

Collidas a pedir de porta en porta
(que non herdei xardíns nin hortas teño)
¡sombra sin paz da nosa musa morta!
aquí estas frores a traguerche veño.

I ó esparexelas sobre a pedra fría
que un Resurrexit pra crebarse agarda,
sinto cuase o temor que sentiría
o ladrón que recea e se acobarda.

Como el, ao che deixar a miña ofrenda,
a soledade en miña axuda chamo,
que si el ten medo que a xustiza o prenda,
temo eu que me marmuren os que amo.

Tanto do noso tempo a xente esquiva
as patrias glorias burla i escarnece:
¡xeración de mánceres cativa
que hastra o pai que a enxendrara desconece!

Que hoxe é pecado relembrar fazañas
porque impotentes pra as facer nacemos,
e cecais que gabar glorias extrañas
nos console das propias que perdemos.

O valor, o carácter, as ideas,
falas costumes... son lendas douradas.
¿De que coor serán, ¡ai!, as alleas
que nos fan ler a couces e pancadas?

Mais dorme, Rosalía, mentres tanto
nas almas, míngoa a fe i a duda medra.
¡Quen sabe si, deste recinto santo,
non quedará mañá pedra con pedra!

¡Quen sabe si esta tumba, nese día,
chegará a ser, tras bélicas empresas,
taboleiro de yankee mercería
ou pesebre de bestas xaponesas!

A fundación Curros Enríquez recrea a imaxe de Manuel Curros ante a tumba de Rosalía