Dende a Limia
11:57 h. Miércoles, 23 de Agosto de 2017

Gas Natural FENOSA, contrádícese a se mesma en tan solo 3 meses

| 07 de Agosto de 2017 (14:23 h.)
Imaxe do Encoro das Conchas.
Imaxe do Encoro das Conchas.

Segundo as novas publicadas onte mesmo nos medios de comunicación, Gas Natural FENOSA ven de presentar un “proxecto de investigación” no que, con diversos tratamentos químicos, tentarán eliminar as cianobacterias no interior de“limnocorrais” para avaliar se sería posible eliminalas das augas do encoro de As Conchas, pero só puntualmente na praia fluvial de O Corgo porque "Evitar que la floración afecte a todo el embalse es titánico".

Gas Natural FENOSA recoñece agora de xeito ben explícito nos medios de comunicación que resolver totalmente o problema da proliferación de cianobacterias tóxicas no encoro será un labor "titánico". Sen embargo, nas súas respostas ás alegacións ao proxecto de Central Hidráulica Reversible Conchas-Salas (CHR Conchas-Salas), presentadas por SGHN e numerosos organismos públicos e asociacións, aseguraba á Secretaría de Estado de Medio Ambiente que as augas do encoro recuperarán o bo estado para dentro de catro anos polo que estarían limpas cando entrase en funcionamento a CHR Conchas-Salas que quere construir.

Nun novo e penoso exemplo de total inutilidade do trámite de avaliación ambiental, a Secretaría de Estado de Medio Ambiente deu por boas as respostas de Gas Natural FENOSA, pese a que contradicían a propia información oficial do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil e os resultados da simulación informática feita pola propia empresa, e formulou unha declaración de impacto ambiental positiva hai apenas tres meses. Xustamente o pasado venres día 4, SGHN remitiu un escrito ao Secretario de Estado de Medio Ambiente no que salientaba que:

  • As respostas de Gas Natural FENOSA sobre a calidade das augas nos Encoros de As Conchas e Salas faltan á verdade.
  • Gas Natural FENOSA incumpriu a sabendas os requisitos básicos do programa informático que empregou para simular a evolución da calidade das augas do Encoro do Salas despois da posta en marcha da CHR Conchas-Salas. Ademais, resulta contraditorio e sospeitoso que Gas Natural FENOSA eloxiara dito programa informático para logo infrautilizar a sabendas as súas capacidades.
  • En contra do indicado por Gas Natural FENOSA nas súas respostas, existe un risco potencial de que unha parte das cianobacterias Microcystis aeruginosa bombeadas coas augas dende o Encoro das Conchas cheguen vivas ao Encoro do Salas. Ao respecto é preciso subliñar que durante o funcionamento da CHR estaríanse a bombear ao Salas cantidades enormes de Microcystis aeruginosa con picos potenciais de ata 45.000 millóns destas cianobacterias por segundo.
  • Mesmo se as cianobacterias non soportasen as fortes presións durante o bombeo acabarían contaminando o encoro do Salas, pois ao estoupar pola presión liberarían as toxinas que conteñen (microcistinas tóxicas para o figado: 100 veces máis velenosas que o cianuro).
  • As "xustificacións" de Gas Natural FENOSA para non instalar dispositivos de paso para peixes nos dous encoros e para non soterrar totalmente o novo tendido eléctrico baséanse só nas propias afirmacións interesadas da empresa e NON en información transparente, seria e rigorosa.
  • A avaliación de impacto ambiental NON se realizou conforme ao establecido na Directiva 2014/52/UE (Artigo 3), ao non ter avaliado correctamente os impactos do proxecto sobre a auga, a biodiversidade, os espazos naturais protexidos e a paisaxe.
  • A autorización ambiental para a posta en marcha da Central Hidráulica Reversible supón un incumprimento flagrante da Directiva 2000/60/CE (Artigo 1.a.b; Artigo 4.a) ao admitir a contaminación das aguas limpas do encoro do Salas.

Por todos istes motivos, SGHN solicitou ao Secretario de Estado de Medio Ambiente que:

  • Anule a Resolución de 5 de maio de 2017 polo que se formulou declaración de impacto ambiental favorable ao proxecto.
  • Revise a avaliación de impacto ambiental do proxecto tendo en conta as publicacións científicas e os restantes argumentos expostos por SGHN e as entidades e organismos consultados.
  • Proceda a formular unha nova Declaración de Impacto Ambiental do Proxecto.

Lamentablemente, o tempo corre en contra de todos ecosistemas acuáticos na bacía do río Limia. Mentres Gas Natural FENOSA (con mini-piscinas nas Conchas) e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (con maceteiros flotantes nas Conchas e dúas areeiras de Sandiás) xogan a facer que fan, o problema da gravísima contaminación das augas do río Limia polos residuos da gandería industrial (agravados pola sobreexplotación do acuífero) segue a empiorar cada día que pasa, cun goteo interminable de solicitudes (unha cada 3 meses) para novas granxas ou ampliación das existentes na chaira da Limia e nas cabeceiras dos seus afluentes principais. De nada levan servido ata hoxe as continuas peticions feitas por SGHN nos últimos 9 anos para que se estableza unha moratoria para os proxectos de granxas industriais na bacía do río Limia e se ordenen con criterios ambientais as existentes, que, como demostran os feitos cada ano no encoro das Conchas, sobrepasan amplamente a capacidade de carga dos ecosistemas limiaos. Urxe, xa!, atallar o problema de raíz.