Dende a Limia
18:00 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

MAÑÁ LUNS COMEZA A CAMPAÑA DE VACINACIÓN DA GRIPE

| 22 de Octubre de 2017 (20:18 h.)
191017 RP Campaña antigripal
191017 RP Campaña antigripal

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou hoxe en rolda de prensa a campaña de vacinación antigripal que a Consellería de Sanidade porá en marcha o próximo luns, 23 de outubro, e que se prolongará durante dez semanas de xeito continuado ata o vindeiro 29 de  decembro. Díaz Mouteira estivo acompañada pola xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, María Villar; a pola subdirectora de Procesos de Enfermería da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Dolores Sánchez.

191017 Vacina antigripalMarisol Díaz explicou que o principal obxectivo desta iniciativa é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. Entre os obxectivos específicos destaca o de ofertar activamente a vacinación fronte a gripe para acadar unha cobertura do 65% na poboación de 65 ou máis anos e, ao igual que nos últimos anos, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario.  A delegada territorial informou de que a provincia de Ourense conta cun total de 185 puntos de vacinación. Así os ourensáns  poderán recibir as correspondentes vacinas en 107 centros de saúde, en  6 puntos emprazados en centros hospitalarios, en  32 centros sanitarios privados, 31 residencias de terceira idade e 3 residencias de discapacitados, entre outros.

Nesta campaña Sanidade vén de investir 1.956.240 euros que posibilitou a adquisición dun total de 560.000 vacinas antigripais. Concretamente, os responsables sanitarios consideran que para acadar os obxectivos de cobertura en Ourense ao longo de toda a campaña,  haberá que administrar unhas  70.000 doses.

A delegada territorial incidiu en que a vacinación durará dez semanas e que hai tempo suficiente para facela progresivamente. 

Como nas pasadas campañas, neste 2017 manteranse as indicacións de vacinacións dos últimos anos, ofertando a vacinación a todas as persoas con maior risco de padecemento da enfermidade e as súas complicacións: persoas de 60 ou máis anos e persoas menores de esa idade pertencentes aos grupos de risco (persoas con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, renais, endocrinas... persoas con cancro ou outras inmunodeficiencias, persoas con obesidade mórbida, persoas con disfunción cognitiva…); e tamén a persoas con posibilidade de transmisión a grupos de risco, entre os que se atopa o persoal sanitario, e traballadores esenciais para a comunidade.

 

Datos da pasada campaña

Ourense continúa a ser a provincia cos niveis máis altos de cobertura. En 2016 acadouse  unha porcentaxe do 60,53 %, máis de 4 puntos por riba da media galega e mellorando os resultados con respecto á campaña de 2015.

 

Na pasada campaña, na provincia ourensá notificáronse 4.904 casos de gripe, dos que 120 foron ingresados e se rexistraron 12 falecementos. Tamén foi a que menos ingresos e chamadas ao 061 contabilizou.