Domingo 16.06.2019
Medalla de Ouro de Ourense ao Dtor. Miguez

Manuel Baltar entregou á viúva e á filla do investigador o máximo galardón que outorga a Deputación de Ourense

Baltar salientou que Rodríguez Míguez, "como pai do termalismo moderno

R Mg2
R Mg2

A Deputación de Ourense outorgou hoxe a medalla de ouro da provincia, a título póstumo, a Luis Rodríguez Míguez, doutor en Medicina e Cirurxía, e un dos grandes especialistas en termalismo, falecido en 2016. No acto, celebrado no Salón de Plenos do Pazo Provincial, a súa viúva, Mariluz Villar e a súa filla, Alejandra, recibiron de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a máxima distinción que concede a institución provincial, destacando Baltar "as importantes achegas do doutor Míguez na investigación e promoción termal e sobre as augas mineiro medicinais e o seu uso clínico".

O presidente da Deputación salientou no seu discurso que Rodríguez Míguez, "como pai do termalismo moderno, deulle estrutura e sapiencia ao elemento máis característico que nos viste de saúde: a nosa auga termal, deixándonos como agasallo a súa erudición feita practicidade, e esa pegada que só teñen os pioneiros, aqueles que cren no que fan e que o fan porque o cren", e cualificou ao termalismo como "sector estratéxico de Ourense", afirmando que a auga que flúe e comunica cos seus fíos invisibles historia, cultura, pobos e xentes, "ten na nosa provincia un manancial de futuro no que todos estamos chamados a mergullarnos, e agora máis que nunca, a piques de experimentar a transformación máis importante que terá Ourense neste século XXI: a chegada da Alta Velocidade".

Manuel Baltar expresou que o termalismo no que cría Rodríguez Míguez "é un elemento estratéxico para a competitividade da nosa provincia, un territorio con tradicións e singularidades que debemos seguir impulsando, facendo unha defensa máxima "do noso", de Ourense con maiúsculas, de Ourense como punto de partida, meta e cumio de tantas ilusións e proxectos que están por vir, e que seguirán situándonos no lugar que merecemos na historia como pobo traballador, creativo e emigrante que somos".

R Mg1O presidente tivo palabras para resaltar "que estamos no limiar da conmemoración do centenario da "Xeración Nós", que terá lugar o vindeiro ano, 2020, no que se cumpre un século da aparición da revista e dunha xeración que alumeou o pensamento político galeguista", e lembrou a Antón Fraguas, recoñecido este ano no Día das Letras Galegas, citando unha frase súa sobre o traballo desenvolvido con modestia e ilusión. "Así foi tamén a vida e a obra de Luis Rodríguez Míguez –destacou Baltar-: un percorrido de ilusión e afecto pola súa terra, polas súas xentes e pola defensa da nosa auga. El traballou modestamente, pero agrandando horizontes e elevando ao carácter científico, e á vez cotián, o noso termalismo".

Pola súa banda, Alejandra Juno Rodríguez, filla do homenaxeado, agradeceu a distinción "pola unanimidade no seu outorgamento e porque recoñece o traballo do meu pai", destacando que este recoñecemento "sela para sempre a relación do doutor Míguez con esta terra, porque el foi un ourensán por convicción e determinación. Esta medalla acredita os seus soños". E en relación ao labor desenvolvido por Rodríguez Míguez no ámbito termal, a súa filla salientou que el "recolleu unha tradición milenaria que se proxecta cara o futuro e que seguirá traendo riqueza á nosa provincia. Así o dicía meu pai, quen demostrou sempre un amor literal por esta terra e pola auga que nace dela".

Desde que en decembro de 2016 o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinara a providencia para incoar o expediente para o outorgamento desta distinción, numerosas persoas, asociacións e entidades adheríronse a esta iniciativa que tivo hoxe o seu acto solemne coa entrega da medalla de ouro á familia do doutor Rodríguez Míguez.

A laudatio sobre a figura de Luis Rodríguez Míguez estivo a cargo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e do profesor da Universidade de Santiago, Juan Gestal, mentres que a instrutora do expediente de concesión da medalla, Ana Villarino, deu lectura ao acordo plenario de concesión da distinción. Gestal cualificou a Rodríguez Míguez como "a persoa que máis fixo polo termalismo en Galicia nos últimos trinta anos, servindo a Ourense ben e con largueza", e Santalices destacou "a inquietude pola realidade sanitaria da provincia de Ourense que demostrou un home de grandes valores, xusto e rigoroso, que amaba a Ourense. Así era o doutor Míguez".

O acto contou na súa parte musical coa participación do gaiteiro Marco Foxo, quen interpretou ao comezo do acto Ourense ao lonxe, e no remate, o himno oficial da provincia, Ourense no solpor.

Luis Rodríguez Míguez, médico, profesor universitario e escritor, naceu en Santiago de Compostela en 1932 e faleceu en Ourense en febreiro de 2016, logo dunha prolífica traxectoria profesional nos ámbitos da saúde e do termalismo. Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, foi membro do Consello Termal Ourensán -órgano que avala o cumprimento do Plan Termal Provincial-, traballou como profesor nas universidades de Santiago e Vigo, foi director do Centro de Sanidade Ambiental de Santiago, xefe provincial de Sanidade de Ourense, director de Saúde da Delegación Territorial de Ourense e director xeral de Saúde Pública, ademais de profesor no Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense.