lunes 14.10.2019

MEDIO AMBIENTE CONVOCA POR PRIMEIRA VEZ UNHA LIÑA DE AXUDAS PARA ACTUACIÓNS MUNICIPAIS DE POSTA EN VALOR DAS RESERVAS DA BIOSFERA

A metade dos concellos da Limia Baixa e Vilar de Barrio e Rairz están catalogados como reserva
Carballa da rocha
Carballa da rocha

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para este ano as axudas para a realización de estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nos espazos que forman parte da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. É a primeira vez que a Xunta pon a disposición dos concellos unha liña de subvencións específica, dotada para este ano de 600.000 euros e coa que se busca potenciar e poñer en valor este tipo de espazos naturais.

A orde enmárcase nas axudas recollidas no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período de programación 2014-2020 e está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). A súa finalidade é promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun elevado e contrastado valor, como son as reservas da biosfera, unha figura de carácter internacional creada pola Unesco para mellorar a relación das persoas coa súa contorna natural.

Poderán beneficiarse destas axudas todos os concellos incluídos no ámbito territorial de calquera das seis reservas da biosfera de Galicia: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (ambas na provincia de Lugo); río Eo, Oscos e Terras do Burón (tamén en Lugo pero compartindo territorio co Principado de Asturias); Área de Allariz (en Ourense); As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña); e Xurés-Gerês (a única reserva da biosfera transfronteiriza entre Galicia e Portugal).

Como requisito para admitir as solicitudes, na convocatoria establécese que as accións a realizar deberán estar incluídas especificamente ou ben ser coherentes cun instrumento de planificación: plan de acción dunha reserva da biosfera, plan de xestión dun espazo ou especie protexida, plans de ordenación cinexética, plans de xestión de poboacións ictícolas e plans técnicos de ordenación dos aproveitamentos piscícolas, entre outros. Ademais, realizaranse en coherencia cos plans de desenvolvemento dos municipios, sempre que existan, ou, de ser o caso, coas estratexias de desenvolvemento local pertinentes.

Accións e investimentos subvencionables

XURES8-49

Serán subvencionables as actividades de restauración de ecosistemas naturais como prados de sega, soutos de castiñeiros ou bosques de ribeira, así como a eliminación de especies exóticas invasoras e restauración da vexetación característica; os proxectos de creación, mellora e adecuación de centros de interpretación da natureza; a sinalización, por exemplo, de zonas de caza ou pesca; a creación e mellora de sendas peonís, pasarelas, refuxios de pesca,...; os proxectos de conservación do patrimonio inmaterial (etnobotánica, folclore, música, etnoloxía, etc); a realización de inventarios/estudos sobre o seguimento e estado de conservación das especies de flora e fauna e os seus hábitats; campañas de concienciación ambiental; e actividades de información e/ou sensibilización para a conservación do patrimonio natural.

Así mesmo, e sempre que se enmarquen nalgunha das actividades anteriores, os concellos poderán optar a esta liña de axudas para a construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra ou arrendamento con opción de compra nova maquinaria e equipos, os custos xerais vinculados ao investimento: honorarios á asistencia en arquitectura, enxeñaría e ao asesoramento en xeral, ou os honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade.

En canto ás axudas, o importe máximo será de 30.000 euros por proxecto e só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por solicitante. En función do tipo de actividade ou investimento que se pretenda realizar, os concellos poderán recibir o 100% do custo subvencionable ou o 80%, sempre dentro dos límites anteriormente sinalados. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá.