Martes 18.06.2019

A música coral darase cita en “Ourencanto”

Este encontro, que chega a súa terceira edición, reunirá a coros infantís, xuvenís e escolares, do 26 ao 28 de abril

A música coral darase cita na terceira edición de “Ourencanto”, un encontro de coros infantís, xuvenís e escolares, que se celebrará do 26 ao 28 de abril. A presentación desta evento cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e a concelleira de Cultura de Ourense, Jesús Vázquez e Belén Iglesias; a directora técnica e o produtor do evento, Cristina Rodríguez e Carlos Núñez; e a directora do Conservatorio de Música de Ourense, Purificación Iglesias.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que esta iniciativa é “unha experiencia musical única, consolidada no calendario cultural da nosa provincia, e que se trata dunhas xornadas de convivencia que rematarán cun concerto a cargo de tódolos participantes, o día 28 de abril, ás 19.00 horas, no Auditorio Municipal de Ourense”, e baixo a dirección de Josu Elberdin. Nesta terceira edición, como novidade, Josu Elberdin, terá un encontro no Conservatorio, os días 26 e 27 de abril.

Esta iniciativa cultural pretende achegar o mundo coral á mocidade e que “os rapaces de Ourense teñan a oportunidade de facer música en conxunto, porque o canto coral é unha ferramenta que une e que ten moitos valores”, dixo Cristina Rodríguez, quen salientou a importante acollida que tivo o evento na pasada edición “con máis de 500 participantes que esperamos manter este ano, pois é un evento aberto a tódolos participantes e que transcende as fronteiras da nosa provincia”.

“Ourencanto” é un evento “de referencia a nivel nacional e internacional que se ve en distintos países a través de Youtube e que ten como peculiaridade estar pensado non só para o público, senón para involucrar a tódolos que queiran participar para que ademais de formarse, teñan a oportunidade de verse como se ven os profesionais”, explicou Carlos Núñez.

Pola súa parte, Jesús Vázquez dixo que Ourense é “a capital cultural por excelencia, cun marabilloso potencial para sacar adiante proxectos que sitúan a nosa cidade como referente a nivel internacional”. Así mesmo, a concelleira de Cultura de Ourense explicou que se trata “dun proxecto musical novidoso e ilusionante, que converterá ao Auditorio Municipal nunha orquestra humana con tódolos rapaces que queiran participar co seu instrumento musical por excelencia: a voz”.