martes 19.11.2019

O PARQUE NATURAL DO XURÉS ACTUARÁ COMO LABORATORIO ABERTO PARA UN PROXECTO EUROPEO QUE ESTUDA O IMPACTO DO CLIMA NO PATRIMONIO

O chamado proxecto ‘Shelter’ arrancou oficialmente esta semana coa celebración en Bilbao da primeira xuntanza de traballo entre os 24 socios participantes e terá un prazo estimado de tres anos para desenvolver os seus obxectivos

190614 FOTO FAMILIA BILBAO SOCIOS PROXECTO SHELTER
190614 FOTO FAMILIA BILBAO SOCIOS PROXECTO SHELTER

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda representará a Galicia no proxecto de investigación europeo Shelter que ten coma principal obxectivo minimizar a vulnerabilidade do patrimonio cultural e natural ante calquera tipo de ameaza relacionada co clima e os riscos naturais. A primeira reunión de traballo dos 24 socios implicados nesta iniciativa celebrouse esta semana en Bilbao, e nela participou a subdirectora de Meteoroloxía e Cambio Climático, María Luz Macho.

No encontro, acordouse que co fin de poder desenvolver o proxecto, as súas posibles aplicacións prácticas validaranse previamente en cinco “laboratorios abertos”, lugares representativos dos principais desafíos climáticos e medioambientais aos que se enfronta Europa e de diferentes tipoloxías de patrimonio.

Unha das localizacións escollidas polos socios participantes foi o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, un espazo natural de 30.000 hectáreas situado na provincia de Ourense e moi preto de Portugal. Os outros laboratorios abertos nos que se desenvolverá o proxecto serán a área de Santa Cruz, na cidade italiana de Rávena; o distrito de Seferihisar (Turquía); Dordrecht (Holanda); e o río Sava (entre a República Checa e Croacia).

O proxecto xorde como resposta ao feito de que, nas últimas décadas, o patrimonio está a verse afectado por un número crecente de ameazas relacionadas co clima o que plantea novos desafíos para os responsables da súa conservación e xestión. O obxectivo de Shelter pasa por lograr desenvolver un sistema baseado en datos científicos e na alianza e colaboración de todos os axentes implicados no problema.

Neste sentido, búscase reunir á comunidade científica e aos xestores do patrimonio natural e cultural co fin de aumentar a resiliencia (é dicir, a capacidade dos seres humanos para adaptarse a circunstancias ou a un entorno adverso), reducir a vulnerabilidade ante o cambio climático e promover unha reconstrución mellor e máis segura en áreas históricas.

Para garantir unha toma de decisións informada e inclusiva neste sentido, tamén se elaborarán plans integrais de xestión de riscos de desastres baseados nas especificidades e tipoloxías diversas do patrimonio e na natureza dos perigos existentes en cada rexión.

O obxectivo final é, en definitiva, vincular os conceptos que se usan para xestionar o risco de desastres e a adaptación ao cambio climático coa propia xestión do patrimonio cultural, proporcionando aos responsables da toma de decisións metodoloxías, ferramentas e estratexias útiles que sexan o resultado dun profundo coñecemento das ameazas, do nivel de exposición e da vulnerabilidade de cada área histórica.

Horizonte 2020

Shelter enmárcase dentro da estratexia Horizonte 2020, que dá nome ao programa marco de investigación e innovación da Unión Europea que rexerá durante o período 2014-2020. Os seus 24 socios pertencen a 10 países (España, Francia, Italia, Holanda, Austria, Bélxica, Reino Unido, República Checa, Croacia e Turquía) que traballarán conxuntamente durante os próximos tres anos para desenvolver os seus obxectivos.

O orzamento total do proxecto ascende a seis millóns de euros e o seu financiamento correrá a cargo da Axencia Executiva para a pequena e mediana empresa (EASME) da Comisión Europea.