Dende a Limia
08:00 h. Domingo, 20 de Agosto de 2017

A plataforma "Amigos das árbores da Limia" solicita máis información

| 04 de Junio de 2017 (22:53 h.)

A semana pasada cumpríronse  tres semanas dende que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda anunciou que recuaba e que ía modificar o proxecto de acondicionamento da Avenida de Celanova, mantendo as árbores centenarias e desviando o tráfico pesado a través dunha circunvalación. Pasado este tempo, na súa última asamblea semanal, a Plataforma Amigas e Amigos das Árbores da Limia decidiu pedir información das condicións e os prazos de execución de dito proxecto.

Onte mesmo entrou por rexistro esta petición. Solicitamos á Axencia Galega de Infraestruturas e ao Concello de Xinzo de Limia que detalle a esta plataforma e as veciñas e veciños da vila en xeral en que estado se atopa o expediente de reforma da Avenida de Celanova. As necesarias obras de construción de beirarrúas, o acondicionamento dos pavimentos, a mellora da drenaxe, o saneamento e a iluminación debe ser efectuada coa maior celeridade posible e en todo momento respetando o máis de medio cento de árbores que tiñan pensado cortar polo pé senón fose polo rexeitamento do pobo a tal despropósito. Pedimos ademais unha copia da solicitude supostamente enviada polo Concello de Xinzo de Limia á Xunta para que lle ceda a titularidade da estrada OU-531, no treito da Avenida de Celanova.  

A Plataforma Amigas e Amigos das Árbores da Limia segue traballando para que a mellora da Avenida de Celanova, a reorganización do tráfico en Xinzo e o coidado de todas as árbores do municipio sexan unha realidade.