Domingo 16.06.2019

A provincia de Ourense acapara 7 das 12 rutas da sétima edición dos trens turísticos de Galicia

En total este produto turístico contará con ata 12 itinerarios temáticos diferentes que suman máis de 16.000 km de percorridos polas catro provincias durante os cinco meses de duración do programa

A nova edición da campaña de trens turísticos impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e Renfe, ofrece 12 itinerarios dos que 7 percorren a xeografía da provincia de Ourense. Así o explicou esta mañá en rolda de prensa a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, durante a presentación da sétima edición da nova campaña, que comeza mañá, 1 de xuño, e rematará logo de 5 meses o vindeiro 26 de outubro.

O acto contou coa presenza do vicepresidente en funcións da Deputación ourensá e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e o xefe de xestión de Renfe dos Trens Turísticos, José Antonio Rodríguez.

Díaz Mouteira explicou que na antesala do Xacobeo 21, esta campaña dos Trens Turísticos  incorpora unha nova ruta polos Camiños de Santiago para descubrir gran parte do patrimonio galego a través de diferentes tramos do Camiño Francés, Norte, Primitivo e Inglés. Este novo itinerario achegará aos viaxeiros á realidade viva das peregrinacións xacobeas. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) achegarase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de San Xulián de Samos (Camiño Francés). Percorrerá así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia e reforzará a Ruta dos Mosteiros, iniciada a temporada pasada.

A delegada territorial indicou que Ourense é o principal destino deste programa turístico ao acaparar 310519 RP trens turisticos1un gran número de rutas que, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer a cidade das Burgas co tren Ourense Termal e Versalles galego, visitan as catro Denominacións de Orixe dos viños da provincia coas dúas rutas dedicadas ao Viño Ribeira Sacra –en ámbolos dous ríos, Sil e Miño (esta ruta sae da estación de Ourense)–, a de Monterrei, a do Ribeiro-Rías Baixas e a de Valdeorras-Ribeira Sacra. Ademais, o itinerario dos Mosteiros inclúe visita ao templo de Veracruz, ao mosteiro de Oseira e ao balneario Caldas de Partovia. Esta ruta, tras o éxito do ano pasado co 100% de ocupación, duplicará as súas saídas nesta edición.

Na súa intervención, Díaz Mouteira destacou a aposta da Xunta por esta iniciativa que “mellora a oferta turística global e diferenciada da nosa Comunidade ao permitir o contacto do viaxeiro coa nosa enogastronomía, e tamén achegarlles os nosos produtos e recursos naturais e termais”. 

A nova edición dos Trens Turísticos de Galicia manterá presentes as xa coñecidas Ruta dos Faros, Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, Ruta da Lamprea, e a Ruta Ribeira Sacra, polo río Sil .

Cinco meses

En total, os viaxeiros poderán desfrutar nesta edición de ata 12 itinerarios temáticos diferentes, que farán un total de 57 saídas entre os meses de xuño e outubro e que suman máis de 16.000 km de percorridos polas catro provincias.

Os Trens Turísticos de Galicia ofrecen rutas que inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús e teñen un prezo por ruta de 45 euros para adultos (con descontos do 15% para grupos de 10 ou máis adultos) e 20 euros para os nenos. Os billetes pódense adquirir a través da web de Renfe e, como novidade, tamén se habilitou este ano un punto físico de venta de billetes na oficina de Renfe instalada en San Martiño Pinario. Amais, pódese atopar toda a información na web de Turismo de Galicia.

Estes trens estanse a consolidar como un dos produtos turísticos máis exitosos de Galicia.  O ano pasado a ocupación global superou o 93 e sumou 2.300 viaxeiros, recibindo visitantes  de 19 nacionalidades diferentes. Cómpre subliñar que tres rutas: a dos faros, a que percorre a Ribeira Sacra a do Sil e a dos mosteiros, foron as máis demandadas e aceptadas acadando o 100 por 100 de ocupación.