Dende a Limia
14:18 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

O PSdeG pide que Baltar non marxine ao 85% dos concellos da provincia

O. Ferreiro | 13 de Octubre de 2017 (21:34 h.)
Imaxe de arquivo dun pleno da Deputación de Ourense.
Imaxe de arquivo dun pleno da Deputación de Ourense.

O PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense promove unha importante iniciativa para cambiar as bases do programa BenOurense –plan provincial de servizos sociais– para evitar a discriminación que as bases aprobadas polo PP aplican ós concellos de menos 5.000 habitantes, isto é, ó 85 % dos municipios da provincia. A iniciativa que se debaterá no vindeiro pleno provincial de outubro, propón ampliar e corrixir o programa para que se poidan acoller concellos de menos de 5.000 habitantes que non estean mancomunados, no tocante ós técnicos de servizos sociais e, tamén, incrementar a dotación económica ós municipios, para ampliar o número de persoas atendidas e para potenciar así a prevención.

A única forma que, na actualidade, teñen os pequenos concellos de evitar esta marxinación é sumarse as mancomunidades xa constituídas.

A única forma que, na actualidade, teñen os pequenos concellos de evitar esta marxinación é sumarse as mancomunidades xa constituídas, cos problemas engadidos que isto implica para moitos deles. Segundo expresan os munícipes, o ideal sería que os concellos de menos de 5.000 habitantes se puidesen agrupar de forma libre –tal e como recolle a lexislación– para concorrer a estas axudas e prestar despois o servizo conxuntamente, sen ter que pasar polo rolete das mancomunidades.

Os socialistas queren cambiar esas bases para incluír asociacións libres de concellos de menos de 5.000 habitantes por calquera mecanismo permitido na lexislación. Isto permitiría adecuar estes servizos de asistencia e educación social e familiar ás características de cada territorio, e ampliar o servizo a meirande parte do territorio provincial onde reside unha importante parte da poboación. A proposta do PSdeG-PSOE tamén solicita aumentar as cantidades de cartos previstas co obxecto de acercarse o prezo real de custe do servizo. O labor preventivo dos profesionais que se contratarían con eses cartos para afrontar problemas como alcoholismo, drogadicción, violencia de xénero ou mediación familiar é importante para evitar conflitos e canalizar tratamentos.

Aqueles municipios que teñen menos de 20.000 habitantes, no caso da provincia ourensá, son todos menos a capital.

O Plan BenOurense é un programa de servizos sociais posto en marcha pola Deputación de Ourense desde que a Xunta delegou parcialmente estas competencias nos gobernos provinciais, para aqueles municipios que teñen menos de 20.000 habitantes que, no caso da provincia ourensá, son todos menos a capital. Tras aquel cambio e ademais das aportacións económicas que deben facer os usuarios, a Deputación Provincial financia o servizo de axuda no fogar e persoal técnico de servizos sociais básicos –xente non recoñecida como dependente pola lei– en 91 dos 92 concellos ourensáns. Pola súa banda, a Xunta financia o custo dos traballadores sociais e o servizo de axuda no fogar para os casos recoñecidos pola Lei de Dependencia en todos os municipios.

Neste contexto, os socialistas recordan que, por exemplo, as valoracións da Xunta para acollerse á dependencia que administra, levan moito atraso (máis dun ano dende a solicitude) o que ocasiona importantes trastornos ós demandantes e familias. Isto provoca que os concellos teñen que asumir déficits de horas de atención anuais o que leva a que, por exemplo, Viana do Bolo denuncie unha lista de agarda de 10.000 horas ó ano.