Dende a Limia
00:06 h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

O PSDEG-PSOE denuncia que a parálise comercial e hostaleira na que está sumida Xinzo de Limia é culpa do goberno local do PP

| 07 de Noviembre de 2018 (22:10 h.)

De “fracaso absoluto” cualifican os socialistas de Xinzo de Limia a xestión do grupo de goberno local do PP e, especialmente, do concelleiro de Cultura, Comercio e Promoción Económica, Carlos Gómez,  ante o elevado numero de carteis de alúgase ou traspásase presentes nesta vila, e que están a sumir a economía da sexta maior localidade da provincia nun buraco negro. “Esta pésima e preocupante situación é unha mostra máis da absoluta deriva do PP no concello, onde os seus membros están a solucionar unicamente os problemas internos e as liortas de partido, sen importarlles minimamente a realidade económica e social dos veciños e veciñas”, explica a portavoz municipal, Elvira Lama.

IMG_6041“Mentres as empresas familiares esmorecen, as luces vanse apagando, e os negocios baixan a persiana, e estando a piques de rematar outra lexislatura catastrófica, os responsables do Concello seguen a mirar cara outro lado, estando especialmente enredados na carreira sucesoria dos conservadores, e deixando sen resolver os problemas diarios que afectan negativamente á vida dos cidadáns limiaos”, denuncia Lama. A cifra de persoas paradas en Xinzo suma 759 persoas, sendo máis da metade (480) mulleres, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística correspondentes ó mes de outubro. “As mulleres representan máis do 63 % do total de parados e paradas que hai no concello de Xinzo e o PP mira cara outro lado, presumindo incluso desta parálise”, explican os socialistas.

“Lonxe de activar o sentido común para por en marcha campañas informativas que promocionen o comercio Local como referente de calidade e proximidade, e lonxe tamén de elaborar campañas divulgativas e chamativas para instalar novos postos de venda na praza de abastos de Xinzo, a única idea que se lle ocorreu o grupo de goberno local foi rebaixar a taxa por ocupación dos postos na ordenanza reguladora”, relata a portavoz. Un ano despois de implantar esa novedosa proposta, o mercado de abastos segue tan só con seis postos ocupados e os restantes 13 valeiros.

“A única política activa de fomento do emprego que saben facer e que fan a conciencia é a dos enchufes masivos no concello, como xa demostraron os tribunais”, denuncia Lama. Os socialistas xa non demandan do desgoberno local nin ideas nin solucións, porque pensan que así se constata que son un “equipo de incapaces” que están levando a economía, o comercio e hostaleira de Xinzo a un punto de non retorno de tal magnitude que “vai ser moi difícil recuperar a puxanza económica da vila como referente comarcal que tivo nas últimas décadas, e que agora está a ser pisoteada polos populares”

“Os responsables deste vergoñento carrusel de peches dos negocios están moi cómodos dentro do concello e forman parte do grupo de goberno local, que non fixo ren para manter a Xinzo como referente comercial e gastronómico como si fixeron outra vilas limítrofes. Para iso hai que traballar a reo, cousa que este desgoberno non vai facer porque é absolutamente incapaz de traballar activamente pola veciñanza”, conclúe Lama.