Dende a Limia
03:17 h. Lunes, 10 de Diciembre de 2018

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE O PP FIXO DO CONCELLO DE XINZO UN "BAZAR DE NEGOCIOS" TRAS "VAMPIRIZAR A ADMINISTRACIÓN PARA OS SEUS INTERESES" E RECLAMA "HONRADEZ E DECENCIA"

| 09 de Agosto de 2018 (19:04 h.)

O PSdeG-PSOE de Ourense ven de denunciar que o PP fixo do Concello de Xinzo un “bazar de negocios” tras “vampirizar a administración pública para intereses partidarios”, e reclama a  “honradez e decencia” que merece a veciñanza. Nunha rolda de empresa ofrecida hoxe polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e pola deputada e portavoz municipal, Elvira Lama, na que tamén estiveron presentes algúns dos concelleiros e concelleiras socialistas desta vila, denunciaron a situación de deriva e inestabilidade na que se atopa a capital da Limia logo do carrusel de dimisións que acumula o goberno local.

O secretario provincial relatou que nos atopamos ante os “restos do concello” e denunciou que “o PP vampiriza todos os recursos”, prexudicando gravemente á vida pública. Rodríguez Villarino salientou que este concello “é unha administración pública desorientada e desnortada por culpa dun PP que xa se reduce a unha agrupación de intereses”. E, por iso, quixo expresar un “berro de esperanza” ós veciños e veciñas ó recordarlles que os socialistas están dispostos a darlle o goberno local decente e honrado que merecen.

Elvira Lama denunciou que o PP converteu Xinzo “nun bazar de negocios no que todo se vende e se compra”, deixando o municipio nunha situación vergoñenta e irresponsable. “O novo alcalde foi do PSOE pero logo de serlle retirada a confianza polo partido, apoiou a investidura do exalcalde condenado por corrupto coa súa abstención, e agora páganlle aquel favor coa alcaldía”, relatou. “Dun corrupto pasamos a unha persoa honrada que querían usar como marioneta e agora rematamos a xogada cun tránsfuga”, dixo Lama antes de detallar que “Manuel López marcha fuxindo e abandona este PP podre de intereses porque a sombra de Antonio Pérez é longa e tiránica”.

A concelleira manifestou que “Xinzo debe estar preparado para pasar a peor páxina da súa historia” e salientou que “desde o PSdeG-PSOE queremos que remate xa este xogo de tronos no que o PP está a converter ó concello”. “Precisamos un goberno municipal responsable, honrado, decente e de marcado carácter público”, dixo.

A preguntas dos xornalistas, Lama tamén recordou que o candidato popular que debe substituír ó dimitido rexedor –Luis Veloso Rodríguez– firmou, o pasado mes de febreiro, un contrato de servizos de comunicación co Concello de Xinzo adxudicado directamente a dedo polo importe máximo que, naquelas datas, permitía a lexislación de contratos no sector público, polo que agora deberá ou renunciar a acta de concelleiro ou o contrato de 21.000 euros anuales, xa que a lei impón a incompatibilidade.