Sábado 16.02.2019

O PSDEG-PSOE IMPULSARÁ A CONSTRUCIÓN DUN AUDITORIO EN XINZO DE LIMIA PARA QUE DEIXE DE SER A ÚNICA VILA DA PROVINCIA SEN ESTA DOTACIÓN

Somos a última mona en oferta cultural e dotacións públicas por culpa da monumental parálise na que o PP ten sumida a nosa vila desde hai lustros” denuncia a Elvira Lama

O PSdeG-PSOE impulsará a construción dun auditorio en Xinzo de Limia, para que deixe de ser a única das grandes vilas da provincia de Ourense sen esta importante dotación pública. Os socialistas veñen de rexistrar unha moción na que demandan a infraestrutura e, ademais, ante a monumental parálise na que o PP ten sumida á localidade, comprométense a impulsar as obras logo do cambio de goberno local que, de seguro, terá lugar despois das eleccións municipais do mes de maio.

A iniciativa reclama “elaborar un proxecto técnico e unha memoria valorada das necesidades para a construción dun auditorio con capacidade suficiente para o desenvolvemento de actividades lúdicas”. Tamén insta a solicitar das distintas administracións –Deputación Provincial e Xunta de Galicia a través das conselleiras con competencia na materia– dotación orzamentaria para a obra.

A voceira municipal, Elvira Lama, asegura que “é perentorio que Xinzo deixe de ser a única das grandes vilas da provincia de Ourense sen un espazo adecuado no que ofertar unha programación lúdica e cultural estable”, logo de explicar que “Verín, O Carballiño, Celanova ou O Barco de Valdeorras, e incluso outras máis pequenas, gozan desta infraestrutura da que carecemos en Xinzo e que permita á veciñanza e ós profesionais acceder a un mellor abano de oferta de ocio e cultura”. “Somos a última mona en oferta cultural e dotacións públicas de ocio por culpa da monumental parálise na que o PP ten sumida a nosa vila desde hai lustros” denuncia a portavoz.

IMG_20190203_134609-2Lama salienta que, logo do cambio de goberno local que de seguro terá lugar tralas eleccións locais do mes de maio, os socialistas impulsarán a obra ata a súa posta en servizo, xa que “no PP están máis preocupados en carrexar votos mediante outras ideas de bombeiro e proxectiños menores, polo que seremos nós os que, desde a alcaldía sacaremos a Xinzo do ostracismo cultural no que nos ten sometido o actual desgoberno popular municipal, e da vergoñenta marxinación que nos aplican a Deputación e a Xunta de Galicia”.

A moción explica que Xinzo carece de instalacións dignas nas que poder levar a cabo una representación musical, teatral, e de calquera tipo de ocio, que requira un escenario axeitado ó numero de persoas que teñan que actuar. O PSdeG-PSOE destaca que "este tipo de infraestruturas requiren dun grandísimo esforzo económico que non sempre a doado de acadar" desde as entidades locais, polo que consideran adecuado que, ó igual que fixeron con outras localidades de Ourense, a Deputación ou a Xunta sumen esforzos e apoien económicamente esta dotación. "Os veciños e veciñas deben desprazarse a outras vilas para poder expresar nas diferentes actuacións os seus traballos como artistas, e detrás deles as súas familias e amigos", recordan.

“En cada actuación os directores, tanto da banda de gaitas como da agrupación musical da Limia, e os profesores e directora do conservatorio fan o imposible para colocar ós artistas no escenario, e moitos pais e nais quéixanse con razón de que necesitamos un espazo digno como xa teñen outras vilas”, aseveran para relatar os problemas de espazo que existen actualmente na Casa da Cultura, que tamén quedou pequena no referente ó número de butacas.

A pesar de que o goberno local do PP é coñecedor destes problemas e das queixas das familias e dos profesionais do mundo da cultura, neste tema tamén aplican a política de “oídos xordos e ollos cegos”, denuncian, polo que “como levamos escoitando esta vella demanda ano tras ano, sen que polo de agora teña surtido nin efecto nin compromiso algún, mentres observamos con envexa outras vilas e mesmo concellos mais pequenos que contan desde hai moitos anos cunhas instalación dignas, somos os socialistas os que, novamente, traballamos por e para a veciñanza”, conclúen desde o grupo municipal.

O PSDEG-PSOE IMPULSARÁ A CONSTRUCIÓN DUN AUDITORIO EN XINZO DE LIMIA PARA QUE DEIXE DE...