Dende a Limia
21:59 h. Sábado, 15 de Diciembre de 2018

O PSOE de de Xinzo de Limia considera lamentable as obras executadas polo concello na escola de gaitas da vila

| 21 de Diciembre de 2017 (21:55 h.)

O Grupo Municipal Socialista de Xinzo de Limia considera “lamentable” a actuación realizada polo concello –gobernado gobernado polo Partido Popular– no edificio que acolle a escola de gaitas do municipio “sen proxecto algún, con actuacións antiestéticas e facendo obras a medias”. O PSdeG-PSOE recorda que reclamou obras de mellora, reforma e acondicionamento, así como a mellora da súa dotación económica, mediante unha moción rexistrada o pasado mes de agosto. Desta forma unicamente se solucionan parte das carencias e problemas que presenta a edificación. A portavoz socialista na vila, Elvira Lama, asegura que “as medidas que se toman dende o Concello son meros parches para ir tirando, xa que non se fixo un proxecto de conxunto para todo o edificio, que precisa sen demora adaptar a súa accesibilidade, repoñer fiestras ou acondicionar faiado e tellado, para o que se fai precisa a actuación de técnicos de urbanismo”.

Os socialistas demandaron explicación dos responsables políticos municipais e informes dos técnicos despois de ver colocados sobre o tellado os ventiladores do novo sistema de calefacción instalado. Á espera de  obter unha resposta por escrito dende hai máis de 10 días, os técnicos e os políticos responden que se fixeron as cousas sen proxecto algún, encargando a toma de decisións a unha empresa externa, algo surrealista. A colocación no tellado deses grandes sistemas de ventilación da bomba de calor é antiestética e atenta contra as normas de conservación do patrimonio, por ser un edificio situado en pleno casco vello de Xinzo de Limia. “Non podemos crer que se coloque un novo sistema de calefacción desta envergadura e con este impacto sen contar co visto e prace dos técnicos e especialistas do concello” apunta Lama.

O malestar entre usuarios e usuarios, profesores e profesoras e veciños e veciñas é grande, motivo polo cal os socialistas reclaman do alcalde que poña orde no seu grupo de concelleiros para que pidan os informes e as consideracións dos técnicos cando teñan que facer actuacións deste tipo. O PSdeG-PSOE desta vila ourensá esixe de inmediato un pouco de sentido común á hora de executar actuacións que precisan de proxectos, para non ter que rectificar actuacións levadas a cabo sen sentido e ó marxe da normativa. 

Os socialistas de Xinzo de Limia celebran que o novo sistema de calefacción faga máis confortables os ensaios e as clases que se desenvolven na escola de  gaitas, pero seguen a demandar as actuacións pendentes, así como a colocación deses grandes ventiladores do tellado nun lugar máis axeitado ás características do edificio.