Dende a Limia
00:15 h. Domingo, 16 de Diciembre de 2018

O PSDEG-PSOE de Xinzo de Limia demanda ó concello a revisión urxente do deficiente alumeado público do polígono industrial

| 06 de Diciembre de 2018 (11:54 h.)

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia ven de rexistrar un escrito no que demanda ó concello deste municipio ourensá, a revisión urxente do deficiente alumeado público do polígono industrial. A portavoz municipal, Elvira Lama, comprobou in situ o pasado luns a tardiña, como é o escuro e penumbroso día a día dos empresarios e empresarias das naves deste espazo industrial, en calquera das súas rúas, a partir das 18:00 horas e ata as oito da mañá do día seguinte.

Situación do alumeado no polígono

“A falta de iluminación debido a que moitas luminarias están fundidas ou apagadas, provoca que moitos empresarios e empresarias que saen ou entran nas súas naves, teñan que alumearse cos faros dos vehículos, unha situación esperpéntica da que son coñecedores no Concello de Xinzo sen que nin o alcalde nin o concelleiro de obras, Ricardo Sieiro, teñan mandado a empresa externa que se encarga do mantemento, a revisar os problemas” denuncia Lama. Os socialistas aseveran que “a situación que están padecendo os empresarios e empresarias é vergoñenta e perigosa”, polo que responsabilizan ó goberno local do PP de “castigar ós empresarios e ó seu patrimonio, creando temor e inseguridade na súa actividade diaria”.

Logo de rexistrar hai uns días unha moción, na que instan a adoptar iniciativas para mellorar distintas infraestruturas deste espazo industrial de Xinzo de Limia que están obsoletas por falta de investimento municipal, o PSdeG-PSOE demanda agora con urxencia que os responsables municipais dean instrucións á empresa encargada do mantemento eléctrico en vías públicas municipais, para que procedan á reparación das luminarias defectuosas.

Igualmente tamén piden a elaboración dun estudo sobre a mellora da eficiencia enerxética do alumeado publico do parque empresarial, co fin de solicitar da Conselleira de Economía, Emprego e Industria, a través do Inega, as subvencións correspondentes en tempo e forma, igual que fixeron outros municipios limítrofes máis pequenos, de cara a mellorar as súas instalacións e parques empresariais.