Dende a Limia
00:05 h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

O PSDEG-PSOE DE XINZO DE LIMIA DEMANDA MELLORAR A SINALIZACIÓN E ILUMINACIÓN DOS PASOS DE PEÓNS DA VILA ANTE O SEU CALAMITOSO ESTADO ACTUAL

| 16 de Octubre de 2018 (19:38 h.)

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia ven de rexistrar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno, na que se reclama que o servizo municipal de urbanismo e os efectivos da policía local elaboren os informes oportunos para mellorar a visibilidade en todos os pasos de peóns da vila, incorporando sinalización horizontal, pintura refractaria onde sexa necesario, así como impulsar a correcta iluminación, sobre todo nas inmediacións de colexios, centro de saúde, centro social, residencia e centro de dia de maiores, ou espazos públicos de maior circulación peonil. A iniciativa tamén demanda elaborar un plan municipal de seguridade viaria, co fin de corrixir, de xeito inmediato, as deficiencias detectadas.

A voceira do grupo municipal, Elvira Lama, explica que “en pleno mes de xullo o Concello mandou pintar a unha empresa a sinalización de diversas rúas de Xinzo, pero parece que no que máis se esmeraron foi nas liñas amarelas, esquecendo o remarcado de moitos pasos ou a sinalización completa, tanto nos pasos de peóns coma nos espazos de aparcamento”.

Paso peon Xinzo 02“Outra das eivas relevantes que atopamos é a escasa iluminación dalgúns pasos de peóns, nos que a ausencia de sinalización vertical e o afastamento da luminaria máis próxima, fai que durante a noite, os condutores non se decaten de existencia dun paso peonil ata que xa están sobre el, provocando sustos innecesarios cando un peón trata de cruzar a rúa e se atopa co vehículo pasándolle enriba dos pes”, denuncia Lama. Sobre a iluminación dos pasos de peóns, os socialistas salientan que nalgunhas cidades se está a instalar luces LED para iluminar os pasos, e mesmo placas solares nos semáforos para incentivar o aforro enerxético e tamén as enerxías limpas.

O PSdeG-PSOE denuncia que esa escasa visibilidade da pintura dalgúns pasos de peóns e a falta de iluminación, está a provocar sustos e problemas de mobilidade, polo que impulsa estas necesarias propostas nun intento por mellorar a seguridade viaria no casco urbano de Xinzo, e para que o Concello adopte de forma urxente estas medidas que están dentro das súas competencias máis básicas.