Dende a Limia
00:05 h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

O PSDEG-PSOE DE XINZO DE LIMIA DENUNCIA O ABANDONO DA BÁSCULA PÚBLICA DA VILA POR CULPA DA DESIDIA DO PP E IMPULSA O SEU ARRANXO URXENTE

| 24 de Octubre de 2018 (23:05 h.)

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia ven de rexistrar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno municipal, que terá lugar o día 5 de novembro, na que se reclama que o Concello acometa a urxente reparación da báscula pública ubicada na estrada que une Xinzo e Baltar, para dar un servizo axeitado ós agricultores deste concello e de toda a comarca da Limia. A iniciativa socialista tamén demanda que se establezan convenios axeitados coas básculas veciñais existentes nas localidades de Lamas e Rebórdacha, para acometer os arranxos necesarios e para fixar prezos beneficiosos para todos e todas. Os socialistas recordan que a báscula pública desta vila ourensá foi instalada durante o goberno tripartito, pero leva tres anos abandonada sen que o PP lle preste atención algunha, a pesar do necesario servizo que debería estar a ofrecer á veciñanza.

A voceira do grupo municipal socialista, Elvira Lama, denuncia a “absoluta inoperancia do grupo de goberno logo de todos estes anos de abandono e desidia, a pesar de ser Instantánea - 257Xinzo de Limia un dos concellos máis agrícolas de toda Galicia”. “Este goberno local ocupa todo o seu tempo pasmando ou conspirando nas liortas internas do PP, no lugar de traballar para ofrecer servizos como ter activa unha báscula pública con tarifas axeitadas ou incluso cuns prezos testemuñais”. De feito, o grupo municipal socialista acumula desde hai anos, numerosas queixas da veciñanza por non ter en funcionamento este servizo, debido a que un accidente de circulación acabou co vehículo enriba da caseta.

A báscula abandonada polo PP instalouse na estrada que une Xinzo e Baltar co fin de facilitar a correcta pesada dos tractores cargados coa colleita antes de acceder ós almacéns, ou previamente á venda do produto a posibles compradores. Pero por mor dun accidente, a instalación leva tres anos fóra de servizo sen que o goberno local conservador tome cartas nun asunto de gran importancia para a eficiencia e a sustentabilidade do importante sector agrícola. “A deixadez de funcións do PP é tan vergoñenta e preocupante que incluso afecta a instalacións públicas que prestan servizos básicos ó principal piar económico de toda a comarca da Limia sen que se inmuten”, destaca a portavoz.

Os socialistas recordan que existen outras básculas propiedade de veciños e veciñas nas localidades de Lamas e de Rebórdacha, pero a de Lamas non está a funcionar como debería xa que precisa axustes e reparacións. Deste xeito, os agricultores deben desprazarse obrigatoriamente ata Rebórdacha ou aceptar as pesadas dos almacenistas.