Dende a Limia
00:55 h. Miércoles, 22 de Agosto de 2018

O PSDEG-PSOE DE XINZO DE LIMIA RECLAMA Ó GOBERNO MUNICIPAL DO PP A REVISIÓN DO IBI DAS ZONAS URBANIZABLES DO MUNICIPIO

| 09 de Mayo de 2018 (20:22 h.)

O grupo socialista de Xinzo de Limia reclamará ó goberno local do PP durante o pleno municipal, que se realice unha revisión do IBI das zonas urbanizables do municipio, dado que o Tribunal Supremo determinou, no ano 2014, que os propietarios de terreos en zonas urbanizables sen planificación de desenvolvemento, teñen que pagar o IBI rústico que é moito máis económico. Ademais, como consecuencia da non aplicación desta rebaixa do IBI, o concello podería estar obrigado a devolver os cobros indebidos efectuados ós propietarios afectados.

Os socialistas reclaman que o Concello solicite á Xerencia Territorial do Catastro, a revisión e aplicación do IBI correspondente ó solo urbanizable sen planificación de desenvolvemento, aprobado en virtude da normativa vixente. Tamén que o concello remita ó Catastro, a lista de propiedades afectadas por ser clasificadas no PXOM como urbanizables e que carecen dun plan de urbanización detallado aprobado. Por último, demandan que os procedementos se realicen sen demora, para que os novos valores entren en vigor o máis axiña posible, coa posibilidade de efectos retroactivos por cargos indebidos.

A portavoz socialista, Elvira Lama, sinala que “no municipio hai, polo menos, tres áreas no PXOM clasificadas como urbanizables, e os propietarios deste tipo de solo están Elvira Lamapagando por un IBI urbano cando en realidade non é tal, segundo a lexislación vixente”. Lama recorda que “despois do estoupido da crise económica e coa paralización do sector da construción, tardarán moitos anos en poder desenvolverse proxectos para estes terreos”. Tamén explica que “de non aplicarse a necesaria revisión, os cobros poderían converterse nun problema para o Concello, dado que os propietarios, lexitimamente, poderían solicitar a devolución das taxas con efectos retroactivos, o que implicaría problemas económicos para o obrigado equilibrio das contas municipais”. “Xa non é a primeira vez que os afectados noutros concellos da provincia, con toda razón, solicitan unha solución para o problema”, destaca a portavoz. “Estamos ante un problema que esixe dunha solución pronta e axeitada, pois estamos a falar de cobros indebidos que afectan directamente ó peto dos nosos veciños e veciñas”, conclúe.

O Tribunal Supremo desestimou en 2014 o recurso de casación en interese de lei suscitado pola administración, entendendo que non se pode clasificar como solo urbano aquelas terras que, aínda sendo urbanizables e estando sectorizadas, non teñan un instrumento concreto de planificación aprobado. Esta resolución xudicial afecta só a aqueles terreos cualificados polo PXOM como urbanizables, pero que por estar incluídos en sectores urbanísticos, o Catastro consideraba urbanos, co conseguinte aumento da súa valoración económica. Isto débese ó feito de que, aínda que a urbanización destes terreos estivese prevista a medio ou longo prazo, non hai un instrumento de planificación aprobado para a execución material da urbanización.

 

Posteriormente a esta sentenza, o Goberno central modificou a lei do catastro e a lei hipotecaria, co fin de adaptala á legalidade vixente estipulada polo máis alto tribunal do Estado.