Dende a Limia
04:05 h. Martes, 26 de Septiembre de 2017

O Psdeg-Psoe de Xinzo de Limia reclama a reforma e adaptación da escola de gaitas e percusión ante as importantes eivas estruturais do edificio

| 07 de Septiembre de 2017 (23:06 h.)

 A portavoz do grupo socialista en Xinzo de Limia, Elvira Lama, considera que un dos edificios emblemáticos da vila –o que alberga a escola de gaitas e percusión– precisa atención urxente por parte do grupo de goberno do PP, ante as evidentes eivas estruturais que presenta. E, por iso, veñen de recoller unha serie de eivas e deficiencias que relatan nunha moción para que o alcalde e o seu grupo de goberno se decidan a acometer unha reforma e ampliación deste espazo cultural, no que uns 200 alumnos reciben, cada ano, formación e ensaio nas tres categorías de bandas coas que conta a escola e que tantos premios teñen recibido. 

As deficiencias son moitas: fiestras de madeira que non pechan ben o que implica unha importante perda de calor no inverno; inexistencia dun sistema de calefacción, falla que se suple con radiadores eléctricos o que implica un incremento da factura eléctrica; un tellado que filtra auga ó interior cando chove con forza ou incumprimento da normativa de accesibilidade dende a rúa ó interior e a planta superior. 

Os socialistas consideran que unha obra de reforma como a que precisa o edificio ten que contar con financiamento axeitado e suficiente así coma cun proxecto serio, redactado polos técnicos municipais, con todos os permisos de entidades alleas ó concello xa que se trata dun edificio catalogado. “Esta demanda feita ó inicio de curso está pensada para que poida dar tempo dabondo para facelos tramites precisos, solicitar o financiamento alleo si fose preciso e, tamén, para dotar de fondos nos vindeiros orzamentos. Desta forma poderíase abordar as obras no período non lectivo do ano coincidindo coas vacacións do período estival do 2018”, explica Lama. 

A construción, que data de 1849 e que anteriormente foi a cárcere de Xinzo, pasou a converterse na biblioteca municipal durante os primeiros anos da transición, para acabar sendo na actualidade a escola de gaitas e percusión pola que levan pasado centos de alumnos. Un edificio, como recordan os socialistas, que foi remodelado en distintas ocasión pero que conta con moitas carencias a dia de hoxe o que provoca que tampouco cumpra a lexislación en  materia de accesibilidade. 

Con todo, dende o Grupo municipal socialista reclaman unha actuación urxente no tellado para evitar que nos vindeiros meses de inverno siga entrando auga no interior do edifico. Elvira Lama asegura que “o grupo de goberno ten que mimar a cultura e os espazos nos que se imparten estudos porque son parte da nosa identidade como pobo. Tamén debe mimar iste edificio porque é a Casa Cultural Antonio Rodríguez González e a casa natal dun fillo predilecto do pobo de Xinzo como Antón Rivero Coello”.