Dende a Limia
05:23 h. Miércoles, 20 de Junio de 2018

O PSDEG-PSOE DE XINZO DE LIMIA RECLAMA A REFORMA DAS NUMEROSAS DEFICIENCIAS DAS PISCINAS EXTERIORES DA VILA ANTES DA TEMPADA ESTIVAL

| 21 de Febrero de 2018 (21:30 h.)
76
76

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia reclama a reforma das numerosas deficiencias das piscinas exteriores da vila, antes do comezo da tempada estival. Nunha moción que será debatida no vindeiro pleno municipal, recordan que as queixas da veciñanza son numerosas, polo que, o goberno local debe actuar se demora para que os problemas que preocupan ós usuarios e usuarias estean resoltos canto antes. Na iniciativa solicitan ós técnicos de urbanismo municipais valoración e redacción dun proxecto de reforma das piscinas exteriores que contemple todas as deficiencias; dotar de partida orzamentaria necesaria para acometer a obra e solicitar, se fose necesario, dotación orzamentaria a outras administracións, por exemplo, Deputación Provincial ou Xunta de Galicia.

Elvira LamaA lista de deficiencias que precisan arranxo é longa: plaquetas rotas no vaso das piscinas; chan esvaradío con plaquetas defectuosas; escaseza de herba nalgunhas zonas; falta de sombras; pistas deportivas semiabandoadas; campos de xogo sen pintar; lixo nas sebes e falta de limpeza en liñas xerais. As obras tamén deberían arranxar problemas nos baños e na zona de vestiarios, incluída a planta superior do edificio que nunca foi nin acondicionada nin usada.

A portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, recorda que “a climatoloxía ten mudado moito nos últimos anos, e na Limia atravesamos anos de intensa seca e moita calor, podendo acadar temperaturas superiores ós 30 graos, pero cando os veciños e veciñas acoden a esas instalacións, levan unha sorpresa desagradable a causa destas deficiencias, polo que moitos non volven xa que prefiran acudir a outros concellos limítrofes para desfrutar dunhas instalacións dignas”. “Estes desprazamentos supoñen un problema que provoca trastornos innecesarios para pais e nais que, moitas veces, non poden trasladar ós pequenos”, salienta Lama antes de recordar que se as piscinas de Xinzo estivesen en boas condicións “non sería preciso o uso de coche para estas viaxes porque se podería chegar camiñando”.

“O noso concello merece unhas instalacións dignas e de calidade polo que urxe traballar nesta cuestión”, insiste a portavoz municipal. Os socialistas destacan que nos atopamos nunha boa época do ano para iniciar a remodelación do recinto das piscinas exteriores municipais, para que, unha vez comprobadas as necesidades e redactado o proxecto conforme ás indicacións dos técnicos, se poidan acometer as necesarias obras no menor espazo de tempo posible, para que, desta forma, a tempada de baño e ocio se inicie sen atraso e nas mellores condicións posibles.