Dende a Limia
00:08 h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

O PSdeG-PSOE DE XINZO DE LIMIA SOLICITA QUE AS OBRAS NAS RÚAS DA IGREXA E DO PETO NON SE EXECUTEN DURANTE A CELEBRACIÓN DO ENTROIDO

| 25 de Enero de 2018 (23:04 h.)
58
58

Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal socialista de Xinzo presentaron o pasado día 17 de xaneiro, unha solicitude ó alcalde da vila, para que as obras anunciadas nos primeiros días de xaneiro para as rúas da Igrexa e do Peto, non se executen ata despois da celebración do Entroido. O PSdeG-PSOE recorda que está constatado que son rúas polas que transita moitísima xente nos días de Entroido que, como é sabido, en Xinzo dura 14 días, entre os días propios e os previos e posteriores.

Igualmente estaban anunciadas as catas arqueolóxicas previas e preceptivas ó comezo da obra e, dende o grupo socialista, consideran que estes traballos tamén se deben atrasar ata finalizar o ciclo festivo polo mesmo motivo. “Abrir buratos en rúas por onde tradicionalmente se concentra a troula e a festa, cunha afluencia de público masiva, pode provocar caídas e lesións innecesarias, ademais das evidentes molestias”, advirten desde o PSdeG-PSOE municipal.

Os socialistas tamén demandan do alcalde, poder examinar o proxecto de reforma e mellora dos servizos. “É necesario que se trate co esmero e  asesoramento de expertos, xa que estamos a falar da colocación de elementos ornamentais, mobiliario urbano e sistemas de alumeado na contorna da Igrexa Vella, un elemento arquitectónico singular e pouco posto en valor”, sinalan. “Moitas veces as melloras das obras están feitas polas empresas adxudicatarias ou subcontratas, con pouco rigor ou sen supervisión por parte nin do grupo de goberno nin dos técnicos municipais”, advirten.

O PSdeG-PSOE de Xinzo está disposto a facer un seguimento das obras das rúas nesta zona do casco vello, para aportar ideas ante todas as posibles melloras e, desta forma, dotar a este espazo do entorno da Igrexa Vella de toda a sensibilidade e o esmero que merece, como monumento digno de conservación.  Tamén propoñen a posta en valor do templo, colocando unha lenda coas características e datación do edificio sacro, para coñecemento de veciñanza e dos visitantes.