Dende a Limia
20:42 h. Miércoles, 17 de Octubre de 2018

O PSDEG-PSOE DE XINZO RECLAMA A AMPLIACIÓN DO POLÍGONO EMPRESARIAL XA

| 30 de Mayo de 2018 (18:25 h.)

O PSdeG-PSOE reclama a ampliación do polígono industrial de Xinzo de Limia, co fin de facelo máis atractivo e lograr así a instalación de novas empresas. Unha moción que se debaterá no vindeiro pleno municipal, solicita da Xunta máxima urxencia e celeridade na resolución dos trámites de cara a iniciar a ampliación. Tamén insta á revisión de taxas municipais como o ICIO, o IBI ou o IAE, tralo acordo asinado para ser ‘Concello Doing Business Galicia’, que permite aplicar rebaixas fiscais en función do numero de postos de traballo a crear polas empresas que teñan interese en instalarse no municipio. Así mesmo, o PSdeG-PSOE pide unha reunión da comisión de urbanismo e industria, para analizar o numero de sociedades que solicitaron información sobre parcelas libres, e as que optaron pola instalación noutros concellos ou en Portugal.

Os socialistas recordan que grupo de goberno local do PP afirmou, ó inicio do actual mandato, que xa solicitara a axilización da terceira fase do polígono, pero xa estamos a mediados de 2018 e aínda non coñecemos ningún trámite. A portavoz, Elvira Lama, denuncia que “durante todos estes anos de desgoberno municipal, nin se licitou nin se obrou nada, a pesar de que o actual alcalde [entón responsable desas competencias] aseguraba, para demandar a ampliación, que non hai metros dispoñibles para novas empresas tendo un dos polígonos mellor comunicados de Galicia”. “A parálise e a preguiza deste goberno do PP está a converter a nosa comarca nun buraco negro empresarial e nun deserto demográfico”, insiste.

O PSdeG-PSOE asegura que “Xinzo precisa mellorar de inmediato a capacidade de atraer empresas, porque temos una taxa de paro que roza o 21%, a segunda máis alta entre os concellos de similar poboación, e tamén para frear o despoboamento, xa que as novas oportunidades laborais permiten fixar poboación”. Non se debe esquecer que o municipio xa caeu por baixo dos 10.000 habitantes o que suporá unha merma económica para as arcas municipais. “Tamén hai que destacar que a maior numero de empresas, máis negocio para todos sectores produtivos da comarca, o que permitiría dinamizar a economía das familias e das empresas”, asevera Lama.

A finais do ano 2017, os grupos da corporación municipal de Xinzo votaron a favor de asinar un convenio de adhesión entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), con fin de ser ‘Concello Doing Busines Galicia’, para ofrecer facilidades e rebaixas fiscais ás sociedades interesadas en instalarse no municipio. Esta sinatura leva aparellada a rebaixa de ata o 95 % no cobro de taxas como o IBI, o ICIO ou o IAE, dependendo do numero de postos de traballo que pretendan crear, e esa reducción non se está a aplicar.

Lama tamén denuncia que “os propietarios de fincas ó carón do parque empresarial están pagando prezos de solar por una leiras que so son leiras, unha situación que está a provocar malestar na poboación e quebranto económico en moitas familias que, para colmo, teñen que desprazarse quilómetros para traballar, podendo facelo nun dos mellores parques de Galicia”. A portavoz reclama “celeridade e traballo dos responsables municipais e autonómicos”, posto que “a situación non pode alongarse máis” e “os técnicos de urbanismo non poden facer nada sen o traballo previo da Xunta, polo que seguimos a espera de que os de arriba fagan o seu traballo”.