Dende a Limia
07:38 h. Martes, 23 de Octubre de 2018

O PSDEG-PSOE DE XINZO RECLAMA UNHA NOVA RESIDENCIA DE MAIORES NO MUNICIPIO ANTE O INSUFICIENTE SERVIZO PRESTADO POLA RESIDENCIA XESTIONADA POR SAN ROSENDO

| 07 de Mayo de 2018 (20:56 h.)

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia ven de rexistrar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno municipal, na que se reclama a creación dunha nova residencia de maiores pública no municipio, ante o insuficiente servizo prestado polo centro existente, xestionado pola Fundación San Rosendo desde hai tres décadas. Esta falta de prazas e de servizos motivou a apertura de residencias ou vivendas comunitarias de xestión privada e a creación de voluminosas listas de agarda, insostibles para un servizo de primeira necesidade.

234Así, na moción demandan un informe técnico ó servizo municipal de urbanismo para saber que terreos poderían ser usados para construír a infraestrutura, e tamén a redacción dun proxecto e memoria xustificativa das necesidades en función da poboación de maiores de 65 anos, das patoloxías, demencia senil, alzhéimer e o numero de dependentes. Para levar a cabo as obras, consideran fundamental o papel da Xunta de Galicia, e por iso reclaman da Consellería de Política Social partida orzamentaria adicada á construción e á dotación material e persoal suficiente para a súa posta en marcha.

A portavoz, Elvira Lama, asegura que estamos “ante un problema crecente que debe ser tratado con prioridade, pois a nosa poboación é maior e, ademais, moitos son dependentes ou viven sós, polo que precisan de coidados especiais”. “As institucións están para prestar axuda e isto é un servizo de primeira necesidade para a veciñanza”, insiste. “Debémoslle ós maiores que fixeron posible a nosa realidade unha vida digna e uns servizos sociais de calidade, que manteñan o seu benestar durante os anos que lles resten de vida”, salienta. Lama recorda que a insuficiencia do actual servizo público provoca listas de agarda e o innecesario espallamento das persoas por outras localidades coma Rairiz de Veiga, A Bola, Lobeira, Santa Cruz de Arrabaldo, Vilar de Barrio, Ourense capital ou Riós, o que ocasiona desarraigo e dificultades nas visitas para os familiares”.

Os socialistas explican que os indicadores demográficos de Xinzo desvelan que o municipio perde poboación –case en 454 persoas desde 2011– e a pirámide de poboación debuxa como os maiores de 65 anos xa suman máis de 2.600 persoas, un 26,4% do total de poboación do concello. “Moitos deses maiores precisan coidados e atención que as veces os fillos non poden prestar porque non viven cerca ou porque precisan traballar para manter as súas propias familias, e por iso, defendemos que servizos públicos de calidade como esta nova residencia son moi necesarios”, insisten desde o PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia.