Martes 18.06.2019

O PSdG-PSOE denuncia que o PP quere ocultar a debacle demográfica e os problemas reais de Xinzo de Limia axitando a demagoxia barata da cadea perpetua

Elvira Lama denuncia que “ó PP de Xinzo preocúpanlle máis as condicións de vida de presidiarios da outra punta de España que as dos veciños e veciñas da rúa do lado”

grupo socialista de xinzo
grupo socialista de xinzo

Os conservadores poñen o foco en cuestións alleas nas que o concello non ten competencias, para vetar debates sobre a perda de habitantes, a economía local ou obras necesarias no municipio.

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia denuncia que o PP pretende tapar o desastre demográfico, económico e de xestión ordinaria no que está sumida esta vila ourensá, con debates absolutamente alleos sobre a prisión permanente revisable –a cadea perpetua española ideada polos conservadores– durante o último pleno municipal, un asunto que nada ten que ver cos problemas reais dos veciños e veciñas e no que o goberno local non ten competencia algunha.

A portavoz do grupo municipal socialista, Elvira Lama, denuncia que o PP “pretende tapar as Elvira Lama 1nosas necesidades e problemas reais cun debate estéril e demagóxico como é o da prisión permanente, sobre o que o concello non ten competencia algunha, mentres abandonan á veciñanza a súa sorte ante unha debacle demográfica histórica e unha crise galopante na actividade económica local”. A portavoz recorda que o alcalde non fixo nada por frear a sangría poboacional: “non impulsou ningunha campaña de empadroamento con medidas que premien o rexistro no padrón da vila, e por iso levamos máis dun lustro cun censo que cae en picado cara un buraco negro”. A vila pasou dos 10.358 habitantes do ano 2012 ós 9.875 censados da recente actualización do padrón de hai uns días.

“O PP de Xinzo prefire debater cobrando cartos públicos se un señor está nunha prisión de Almería 20 ou 30 anos, no lugar de preocuparse dun veciño ou veciña que vai pechar o seu negocio o mes próximo ou dunha veciña sen emprego”, denuncia Lama antes de recordar que a inacción e preguiza continuada dos conservadores do PP da Limia ante estes graves problemas sociodemográficos “so ten unha excepción, que é a dos enchufes masivos para os seus achegados”.

Durante estes anos de declive, o concello non impulsou nin campaña de empadroamento; nin bonificacións ou vantaxes ós empadroados en taxas e servizos municipais; nin unha campaña de fomento para a instalación e apertura de novos negocios, a pesar de que no 2017 foi aprobada unha moción do PSdeG-PSOE que acordaba estas medidas. “Non se fixo nada de nada a pesar de que a meirande parte da crise do municipio ten moito que ver coa falta de mozos e mozas, a maioría emigrados pola falta de traballo e oportunidades de futuro, que quedan noutras vilas e cidades e xa non regresan”, advirte antes de salientar que a mocidade “é un seguro de vida para Xinzo”. “Os veciños e veciñas están afogados, sufrindo unha taxa de desemprego que roza o 20% da poboación, e as poucas empresas instaladas no vila quéixanse de que non teñen os servizos mínimos necesarios no polígono ou da falta de axudas para o comercio local”, relata Lama.

“Ó PP preocúpanlle máis as condicións de vida de presidiarios da outra punta de España que as dos veciños e veciñas da rúa do lado”, salienta antes de concluir sinalando que “o alcalde preferiu falar no pleno dunha lei orgánica estatal como é o código penal que só coñece porque ultimamente aparece moito na televisión”.

O PSdG-PSOE denuncia que o PP quere ocultar a debacle demográfica e os problemas reais...