Dende a Limia
23:44 h. Martes, 11 de Diciembre de 2018

O PSOE URXE A POSTA EN VALOR DOS CASTROS DE MORGADE E PARADA DE RIBEIRA POLO RISCO DAS ACTIVIDADES HUMANAS E INDUSTRIAIS

| 01 de Agosto de 2018 (11:04 h.)

O PSOE de Xinzo vén de rexistrar unha moción na que urxe a posta en valor dos castros da Cidá en Morgade e de Parada de Ribeira, ante o perigo que corren ambos restos arquelóxicos de verse afectados pola actividade humana. Os socialistas denuncian que as accións acometidas ata agora, como o inventariado feito por parte da Xunta de Galicia en colaboración cunha fundación privada e co Museo Arqueolóxico de Ourense  destes restos arqueolóxicos, son insuficientes para preservar este patrimonio de incalculable valor histórico. A portavoz do PSOE no concello limiao, Elvira Lama, indica que: “Hai uns meses tivemos coñecemento que unha tentativa de repoboamento no monte comunal da pena, na ladeira deste monte compartido coa veciñanza de Morgade, tivo que ser paralizada por mor da falta da autorización preceptiva e porque, cando a empresa comezou os traballos, víronse afectados os muros do castro da Idade de Ferro, identificado nestas coordenadas e que aínda está por escavar, pese a que xa está inventariado pola Xunta. Pese á paralización in extremis, estes feitos alértannos do grave risco que corren os numerosos restos arqueolóxicos situados no noso municipio. Por iso esiximos que o concello actúe de xeito inmediato para protexer e por en valor o noso patrimonio castrexo”.

No caso do castro de Parada de Ribeira, desde o grupo socialista sinalan que pasou outro tanto como no de Morgade. Desta volta este castro, tamén da Idade de Ferro, está localizado nunha finca particular que está ao lado da planta de asfaltado en quente que unha canteira do lugar pretende por en marcha en breve. Esta planta xa conta coa licenza de actividade da xunta de goberno local do Concello de Xinzo desde o mes de maio do ano pasado e xa pediron ampliación de actividades para tratar residuos de asfaltos usados procedentes do fresado. O goberno do PP de Xinzo, denuncian desde o PSOE, autorizou esta actividade industrial sen contar con informes de patrimonio e pode afectar de maneira irreversible ao castro situado a escasos metros. “Co despropósito de Parada de Ribeira, podemos comprobar como as actividades humanas poden afectar ao patrimonio colectivo sobre todo se temos administracións que lonxe de por en valor estes restos, se dedican a darlle para diante a proxectos que os poden danar gravemente, como no caso deste goberno que ignora a súa responsabilidade de protección e preservación”, comenta Lama ao respecto.

“Temos inventariados numerosos restos pero é claramente insuficiente por iso reclamamos un esforzo adicional por parte das administracións competentes pero o que está claro é que se este goberno municipal non fai nada polo propio non van vir de fóra defender a conservación dos noso patrimonio arqueolóxico”, prosegue a voceira. Por isto, o PSOE esixe que o goberno do PP se poña as pilas e inicie os trámites administrativos, para proceder á solicitude da escavación catalogación e documentación do Castro da Cidá en Morgade así como do Castro de Parada de Ribeira, por parte da Xunta de Galicia. Tamén lle reclaman que se establezan convenios de colaboración coas universidades galegas, especialmente a través do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, para o estudo e posta en valor destes castros polo seu emprazamento.

De todos xeitos, os socialistas, van máis aló e esixen que estas actuacións estean amparadas por compromisos reais e se soliciten as correspondentes partidas orzamentarias e os recursos económicos suficientes á Xunta de Galicia para poder iniciar os traballos reclamados, á maior brevidade. En conclusión, “é unha competencia municipal velar polo patrimonio cultural do concello, a súa protección e mantemento así como a posta en valor para que poida pasar ás vindeiras xeracións en condicións. No Concello de Xinzo adoitamos agochar os restos arqueolóxicos que se atopan soterrados ante calquera actuación nas rúas  da vila,  por ter  sido un lugar con  asentamentos de épocas pasadas, algo que noutras partes se conserva, se data e se documenta para expoñelos ao público. Despois de anos e anos de esquecemento é  preciso  prestar atención aos  restos arqueolóxicos que temos dispersos nos pobos do rural, restos que a pesares de estar inventariados, aínda non foron estudados co rigor que merecen”, recalca a portavoz socialista.