Dende a Limia
22:29 h. Martes, 17 de Octubre de 2017

O Psoe de Xinzo pide a paralización das probas de selección para dúas plazas de policía local mentres non se resolvan as reclamación presentadas

| 06 de Octubre de 2017 (23:09 h.)
Grupo Municipal Socialista
Grupo Municipal Socialista

O pasado día 13 de setembro tivo lugar a celebración do exame de acceso para dúas prazas de policía local no Concello de Xinzo, circunstancia extraordinaria nun concello no que non se fan selección de persoal dende hai anos e algunha das que houbo están sendo investigadas pola xustiza nestes días. Sexa pola falta de costume ou por outras razóns, o PSOE local tivo coñecemento, a través dos participantes, que se produciu un auténtico caos organizativo posto que, presuntamente, se cometeron varias irregularidades. Entre estas, o feito de que varios dos concorrentes puideron entrar antes na sala do exame e ver o contido mentres outros agardan fóra para entrar ou que non se mandara apagar os dispositivos electrónicos ata 20 minutos despois de comezar a proba. O caos non rematou aí e aconteceron varias situacións impropias ao longo da xornada coma dar permiso para saír o baño cando algún dos aspirantes xa vira o exame.


Aínda que os socialistas confían na imparcialidade do tribunal avaliador, conformado polo sarxento da policía local, un axente local, outro de Ourense, a interventora da deputación e a secretaria do concello, solicitan que se poñan todos os medios para que, nas probas que restan, se respecten os principios de igualdade, mérito e capacidade. Os socialistas reflicten que, ata o momento, houbo varias reclamacións ao procedemento dende que saíron as puntuacións do primeiro exame, pero advirten que a cousa pode ir a máis se finalmente se comproba que houbo algún tipo de alteración. Por isto, Elvira Lama, portavoz socialista en Xinzo, esíxelle ao alcalde que “garanta a limpeza deste proceso, co máximo rigor e transparencia para que non se caia en irregularidades como as que xa houbo no pasado e nas que está, presuntamente, implicado el mesmo”.


Para os socialistas, a imaxe de Xinzo xa está suficientemente deostada nestes días nos que se están a suceder as declaracións polo xuízo a Antonio Pérez e non cómpre outro proceso selectivo máis que aumente as sospeitas  de  enchufismo permanente. Nos vindeiros días terán lugar as probas físicas, e a entrevista persoal, polo que dende o PSOE fan un chamamento para que se garanta a limpeza do proceso no seu conxunto e se outorguen as prazas con arranxo á legalidade. Os socialistas veñen de solicitar a reunión urxente da Comisión de Persoal para que o Tribunal de conta das reclamacións presentadas así como das cualificacións obtidas, xa que algunhas son as mais altas de Galicia e tamén solicitan a paralización do resto das probas mentres non se aclaren as irregularidades que manifestan os reclamantes.