Dende a Limia
10:56 h. Jueves, 29 de Junio de 2017

Río Limia-Río Lima

| 07 de Junio de 2017 (22:43 h.)

Dende hai anos, o alumnado do IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia, fan dentro dun programa de educación ambiental “PROXECTO RÍOS”,  desde os departamentos de bioloxía e física e química, o estudo da situación do río Limia ao seu paso pola nosa localidade, tanto en outono como na primavera.

Sempre lles gustaría sinalar e estar orgullosos de que o noso río está entre os máis saudables de Galicia. Pero ano tras ano, os datos son tozudos; e vannos sinalando o contrario. Non melloramos, seguimos a maltratalo.

Fan estudos sinxelos, pero moi representativos; dinnos como están as súas beiras, o estado da súa vexetación, os pequenos macroinvertebrados que indican a calidade das súas augas, o lixo que atopan neles, que animais viven nel; fan análises sinxelos da súa química, etc. etc.  E cada ano encontran que imos pouco a pouco empeorando.

Cando van no mes de outubro xa saben –por outros anos- que non van atopar auga; o nivel freático baixa tanto por todo o que se lle quita, que, poden camiñar sobre o seu leito e ir, de poza en poza, para ver o que queda; as plantas acuáticas, que axudan a limpalo, están secas; o seu bosque de ribeira vai perdendo os mellores exemplares de amieiros, que debilitados, son presa dos fungos e van a menos. Atópanse moitos entullos aquí e acolá. É unha mágoa ver o río nesta época do ano. Ata que non cheguen as chuvias do inverno…-E neste último ano non foi ata decembro-, non volvemos ver auga no seu cauce.

Na primavera venno millor: xa leva auga, aínda que este ano foi escasa. Explota a vexetación, vense animais: o pato azulón coas súas crías, algún niño de mergullón pequeño e pitas de agua; non moito máis. Pero cando miran qué macroinvertebrados hai nas súas augas, están aqueles que soportan medios máis contaminados: a crúa realidade; e por riba este ano, a vexetación herbácea foi queimada por herbicidas, por?... Non temos explicación.

Moitos problemas ten a Limia coas súas augas, moito verquido que polas condicións destas terras van chegar ata o río; augas que dende aquí, van discurrindo ata chegar a Portugal: Pedímosvos desculpas.

 E, a ver se conseguimos, entre tod@s, que o río volva a ser o Limia sobre o que lemos, sexa  en Carlos Casares ou Antón Riveiro Coello, por exemplo, o espazo onde as persoas poidamos ir bañarnos, refrescarnos… en augas limpas.  

                                                                      

 

                                                                                            Tomás García.

                                                                               Luns 5 de xuño de 2017.