Dende a Limia
04:43 h. Viernes, 17 de Agosto de 2018

OS SOCIALISTAS PROPOÑEN UNHA MELLORA INTEGRAL DE SEGURIDADE NA ESTRADA QUE UNE XINZO E BALTAR ANTE AS INQUEDANZAS DA VECIÑANZA CON CASAS NAS MARXES

| 19 de Julio de 2018 (16:15 h.)

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia propón unha mellora integral da seguridade na estrada OU-304, que une a capital da comarca con Baltar e Cualedro, ante as inquedanzas manifestadas pola veciñanza das vivendas construídas nas marxes desta vía de titularidade autonómica, por culpa dos accidentes de tráfico. Unha moción que se debaterá no vindeiro pleno municipal reclama que o Concello solicite da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, a implantación de medidas disuasorias para aumentar a seguridade, mediante a instalación de semáforos intermitentes e bandas ou lombos redutores. A iniciativa tamén demanda o traslado do acordo adoptado pola corporación local á Dirección Xeral de Tráfico, de cara á redución da limitación da velocidade si fora preciso.

Os problemas sitúanse concretamente nun tramo completamente recto coñecido como avenida de Portugal –o tramo máis próximo ó núcleo urbano–, onde a estrada conta con dúas vías de servizo salpicadas de vivendas e construcións. “A semana pasada un accidente de tráfico con saída da vía puido provocar una traxedia”, advirte a portavoz socialista, Elvira Lama, antes de explicar que “non é a primeira vez que hai problemas, polo que non podemos quedar de brazos cruzados ante a manifesta inquedanza veciñal e a habitual preguiza do grupo de goberno do PP, que está ós biosbardos”.

Elvira Lama“Os propios veciños e veciñas da zona están dispostos a iniciar unha recollida de sinaturas, para instar ós órganos competentes a adoptar medidas adecuadas con fin de reducir o risco de accidente xa que, segundo explican, aínda que a vía está limitada a 70 quilómetros por hora, os vehículos circulan habitualmente a velocidades maiores”, explica Lama. Os socialistas recalcan que é necesario contemplar “medidas disuasorias” para evitar posibles accidentes con fatal desenlace, porque “é unha estrada moi importante que nos comunica con Portugal, e o bo estado do firme e o trazado case recto incita ós condutores a superar, aínda sen querelo, a velocidade permitida”. “Sendo unha estrada de competencia autonómica, e despois de analizar pormenorizadamente a intensidade e o tipo de tráfico, e en aras da seguridade viaria para vehículos e tamén para peóns, concluímos que é preciso que as administracións tomen cartas no asunto mediante a instalación de semáforos intermitentes e bandas ou lombos redutores”, aseveran.​

A portavoz do PSdeG-PSOE destaca que os veciños e veciñas da contorna da avenida de Portugal “teñen dereito a unha mobilidade diaria sen riscos para as súas vidas e para os seus ben inmobles”, e “o investimento necesario para facer posible isto é perfectamente asumible polas administracións públicas”, pero recorda que, unha vez máis, e ante a absoluta pasividade do goberno municipal do PP “totalmente paralizado e enredado en cuestións alleas á vila, somos os socialistas os que atendemos as preocupacións dos habitantes de Xinzo”.