Dende a Limia
00:16 h. Domingo, 16 de Diciembre de 2018

"Xeovivenda Ourense" ofrecerá información sobre o estado do parque de vivenda e da demografía na provincia

O. Ferreiro | 16 de Marzo de 2018 (23:07 h.)
Fernando García, Manuel Baltar e Eligio Nieto na presentación do proxecto Xeovivenda Ourense
Fernando García, Manuel Baltar e Eligio Nieto na presentación do proxecto Xeovivenda Ourense

O proxecto "Xeovivenda Ourense", froito da colaboración entre a Deputación de Ourense e a Asociación de Construtores de Ourense, é unha ferramenta web que ofrece información sobre o estado do parque de vivenda e da demografía na provincia de Ourense. A presentación desta plataforma tivo lugar hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Asociación de Construtores de Ourense, Eligio Nieto; e o xerente da Fundación Laboral da Construción de Galicia, Fernando García.

O presidente do goberno provincial salientou que, grazas a esta plataforma, "a provincia de Ourense pasa a contar con datos xeoreferenciados de estudos non só do parque de vivenda da provincia, senón tamén demográficos, co cal este será un instrumento, que xunto co Observatorio Económico de Ourense, profundizará nese mando que pretendemos desde a Deputación de Ourense, de poñer a disposición de tódolos cidadáns a posibilidade de coñecer o estado da situación demográfica da provincia".

 Fernando García, Manuel Baltar e Eligio Nieto

Esta ferramenta permite realizar análises de forma áxil "a nivel de provincia, a nivel de concello e mesmo a nivel de edificio, o que a converte nunha ferramenta moi axeitada para as administracións públicas á hora de decidir determinadas políticas en materia de vivenda, e tamén para os cidadáns para plantexar cuestións que teñan que ver, por exemplo, coa eficiencia enerxética", engadiu Manuel Baltar.

"Xeovivenda Ourense" permite que as administracións públicas teñan datos como que "a nosa provincia conta con 3.653 núcleos de poboación, dos cales o 90% deles teñen menos de 100 habitantes, 149 núcleos de poboación están deshabitados neste intre, informacións que nos vai a servir para tomar decisións que serán máis acertadas e irán mellor encamiñadas ao ter a fiabilidade que nos outorga un instrumento destas características", explicou o presidente da Deputación de Ourense.

Fernando García explicou que esta ferramenta web axuda "a coñecer dunha forma máis pormenorizada a realidade xeosocial da mesma" e detallou os tres obxectivos deste proxecto: axudas ás administracións e ao sector da construción na toma de decisións no eido da vivenda na provincia, ofrecer aos propietarios información sobre as posibilidades de mellora que ofrece a súa vivenda desde a perspectiva da eficiencia enerxética, e crear a base que permita nun futuro, e de forma incremental, contar cun cadro de mando xeoreferenciado da provincia de Ourense.

Pola súa parte, o presidente da Asociación de Construtores de Ourense agradeceu a Deputación de Ourense o seu apoio para poder desenvolver esta ferramenta que "resulta positiva para a toda a provincia e tamén para o sector da construción".