Dende a Limia
01:29 h. Sábado, 16 de Diciembre de 2017

XINZO ADIANTE CONGRATÚLASE DE QUE O GOBERNO GALEGO ACEPTASE A SÚA PROPOSTA PARA A MELLORA DO REGADÍO NA LIMIA

| 23 de Julio de 2017 (23:13 h.)

Vense de facer público nos medios que a comezos do 2018 comezarán a executarse as obras de mellora e modernización do regadío nas zonas de Corno do Monte, Alta Limia, Lamas Ganade e Sabucedo. E apunta o Sr. Alcalde de Xinzo de Limia que os agricultores “están moi contentos”.

Desde Xinzo Adiante compartimos esta alegría cos agricultores, pois a execución destas actuacións sobre o regadío eran unha demanda e unha necesidade do sector dende hai moito tempo.

Tamén nos causa satisfacción que a execución destas obras se leve a termo grazas á Proposición non de Lei que Xinzo Adiante presentou no Parlamento Galego a través do Grupo de En Marea e que esta vez si foi tida en conta polo grupo maioritario do PP.

Con todo, hai que dicir a verdade e explicar que este non foi o primeiro intento que realizamos para que se executase esta tan demandada obra. De feito, cando se presentou o Proxecto de Presupostos da Xunta de Galicia para o ano 2017,  presentamos tamén a través do grupo de En Marea unha emenda a estes presupostos solicitando que se destinase unha partida de 27 millóns de euros para o regadío da Limia. Ante isto, o grupo maioritario do PP no Parlamento votou en contra, incluído o Deputado do PP e concelleiro de Xinzo de Limia Carlos Gómez Salgado.

Sen embargo, alegrámonos de que o PP acabase rectificando e aceptando a nosa Proposición non de Lei e que fose o propio Sr. Gómez Salgado quen no seu momento anunciase este acordo unánime do Parlamento a proposta nosa. Aínda así, vistos os precedentes, estaremos atentos á evolución desta infraestrutura, para asegurármonos de que non queda en mera propaganda política

Unha vez máis, Xinzo Adiante está e estará ao servizo da cidadanía e dos sectores produtivos da Limia e ponse á súa disposición para presentar iniciativas en defensa do interese xeral.

E ademais volve demostrarse que unha agrupación local, sen representación en ningunha outra institución, se quere pode facer chegar as súas iniciativas ao Parlamento Galego e mesmo ao Congreso dos Deputados. Mentres que, pola contra, algunhas forzas políticas que teñen representantes en todas as Administracións ou non son capaces de representar aos electores que os elixiron ou non queren.