Dende a Limia
05:45 h. Miércoles, 14 de Noviembre de 2018

XINZO ADIANTE LAMENTA O DESGOBERNO DO CONCELLO DE XINZO DE LIMIA

| 20 de Agosto de 2018 (12:10 h.)

Nos últimos meses, a cidadanía de Xinzo de Limia está asistindo a un espectáculo lamentable e bochornoso por parte do PP local, cuxos membros antepoñen os seus intereses persoais ao ben común da cidadanía.

IMG_5422  Cando dimitiu Antonio Pérez dixo que a partir de ese momento deixaba a política e ía ser un veciño máis de Xinzo.

Ante a dimisión de Manuel López Casas, cansado de ser unha “marioneta”, o esperpento foi a máis. Manuel Cabas López  autoploclamouse Alcalde e dixo contar co apoio incondicional dos seus compañeiros de grupo municipal. Algúns deles negaron ter falado con el e moito menos apoialo, tal e como contaron os medios de comunicación. Desatouse a guerra polo poder e, mentres o Concello segue descabezado, os Concelleiros do grupo de goberno dedicáronse a pelexar entre eles.

Para poñer paz no asunto tivo que mediar o gran líder provincial da organización, o señor José Manuel Baltar, quen non tivo ningún reparo en acudir en coche oficial e co chofer que pagamos todas e todos nós, non á sede do PP, senón ao lugar, día e hora que Antonio Pérez lle impuxo. E nesa reunión tan só estaban presentes aquelas persoas que Antonio Pérez considerou que deberían estar.

 Tras o “debate” correspondente, o Sr. Baltar acatou as imposicións de Antonio Pérez e, nun próximo pleno aínda pendente de convocar, Manuel Cabas López vai ser nomeado alcalde cos votos do seu grupo político.

Dende Xinzo Adiante lamentamos que unha formación política como o PP -co peso político que ten no Concello de Xinzo de Limia- siga sendo dirixida por xente que a día de hoxe non son militantes por estar inhabilitados  e que o seu presidente provincial (que tan só veu a Xinzo para dicir si “buana”) e os seus superiores (como no caso de Galicia, Núñez Feijóo) o sigan permitindo.

Non sabemos cal será o último capítulo desta serie, pero polo camiño que van as señoras e señores concelleiros do PP, estamos seguros de que xa nada nos pode sorprender.

Xinzo Adiante lamenta que o pobo de Xinzo de Limia teña que aguantar esta situación que non merece, cun PP desnortado e roto polas loitas internas, que sumiu o Concello no caos e o desgoberno absoluto. Señores do PP, teñen maioría absoluta. Deixen de comportarse como nenos dun xardín de infancia e se non teñen capacidade para gobernar o Concello presenten a súa dimisión. O pobo vaillo agradecer, e moito.