Dende a Limia
00:13 h. Domingo, 16 de Diciembre de 2018

XINZO ADIANTE LAMENTA A PROPAGANDA PREELECTORAL DO PP DE XINZO DE LIMIA E A COMPLICIDADE DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA

| 16 de Noviembre de 2018 (19:46 h.)

Hoxe o Presidente da Xunta de Galicia acudiu a Xinzo de Limia a asinar un convenio co Concello de Xinzo de Limia respecto das obras de remodelación da Avenida de Celanova.

Tal e como supuñamos, este non foi máis ca un acto de propaganda e autobombo do PP de Xinzo de Limia –en permanente estado de descomposición e sumido nas súas loitas internas-, e tivo que acudir o Presidente da Xunta ao seu rescate. Por iso, os concelleiros de Xinzo Adiante decidimos asistir ao acto como público, sen ocupar os nosos escanos no salón de pleno, para non participar deste acto de precampaña do PP de Xinzo de Limia.

Ao comezo do acto quedou claro que o goberno local perdeu a súa capacidade de convocatoria, pois só unha veciña do noso municipio acudiu a ver ao Presidente; o que dá mostra da falla de credibilidade que o PP local suscita na poboación.

Durante a sesión, o señor Presidente da Xunta referiuse ás obras da Avenida de Celanova como un logro do goberno local e da Xunta de Galicia. Consideramos que isto é un insulto á intelixencia da veciñanza, posto que todos sabemos que foi a loita das Amigas das Árbores co apoio da oposición quen, ante a desidia do goberno local conseguiu para a tala das árbores e esixir un proxecto alternativo para esta vía de entrada a Xinzo.

Acto seguido, o Sr. Feijoó volveu prometer a realización das obras da circunvalación de Xinzo –aquela circunvalación que o exalcalde inhabilitado Antonio Pérez prometeu que se iniciaría unha semana despois de gañar as eleccións-. Outra vez máis recorren ás falsas promesas que nunca se cumpren.

Co que si estamos de acordo tanto co Alcalde como co Presidente da Xunta de Galicia e que tal e como dixeron “en Xinzo queda moito por facer”; trátase do recoñecemento expreso de que o grupo de goberno foi incapaz de facer nada durante esta lexislatura.

Desde Xinzo Adiante o único que temos claro é que o Presidente da Xunta acudiu hoxe a Xinzo de Limia a dar o pistoletazo de saída á precampaña electoral, a poñer paz na guerra interna do PP local e a realizar as mesmas promesas que fixera na campaña electoral do ano 2015 e que incumpliron de cheo.

Xinzo de Limia non merece este grupo de goberno incapaz nin as falsas promesas do Presidente da Xunta, quen acudiu como bombeiro apagalumes do seu partido no noso Concello.