Dende a Limia
01:33 h. Sábado, 16 de Diciembre de 2017

Xinzo Adiante rexeita a instalación da planta asfáltica e censura ao alcalde

| 16 de Junio de 2017 (21:02 h.)

Ante o acordo da Xunta de Goberno local de Xinzo de Limia (integrada na súa totalidade polo Alcalde e 5 concelleiros do PP) de conceder a licenza para a posta en funcionamento dunha planta asfáltica en Parada de Ribeira, desde Xinzo Adiante  queremos realizar as seguintes puntualizacións:

1. Esta planta estará situada a menos de 400 metros das primeiras casas de Parada de Ribeira e a 500 metros da Igrexa parroquial, sen que haxa un informe de Patrimonio favorable á instalación desa empresa.

2. Está claro que a empresa promotora da obra ten que negar calquera tipo de impacto medioambiental e contarnos as supostas virtudes da súa fábrica. Pero o certo é que con esa instalación só gaña a empresa propietaria, porque non hai constancia de que se vaia crear ningún posto de traballo para os veciños do Concello.

3. O que si sabemos é que este tipo de fábricas afectan ao medio ambiente, como indican distintos estudos: contaminación do aire por dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, monóxido de carbono, partículas de nafta, formaldehído e arsénico... entre outros... O que pode ocasionar irritación de ollos, da pel, afeccións no sistema respiratorio e nervioso...e interfire na fotosíntese das plantas e causa graves prexuízos para a agricultura.

Ademais, unha actividade considerada pola Lei como PERIGOSA, NOCIVA, MOLESTA e INSALUBRE non supón ningún beneficio para o pobo, se non todo o contrario. Así que non nos enganen.

4. Cómpre lembrar que a gandería e a agricultura son a base da economía da nosa comarca e poderían verse gravemente afectadas pola actividade desa planta. Non merece a pena arriscar o noso principal sector produtivo permitindo a instalación da planta asfáltica.

Respecto á actitude do Alcalde, que cualifica a postura da oposición de "populista" e nos acusa de "axitar a rúa":

1. Consideramos que quen axita a rúa é el, que goberna de costas ao pobo: subas de impostos e taxas, árbores da  Avda. de Celanova, planta asfáltica... sobre todo cando toma decisións en Xunta de Goberno -onde só se reúnen el e o seu goberno e non son reunións públicas- en vez de levalas ao Pleno, no cal están representados todos os grupos municipais (cómpre lembrarlle que el tivo 2675 votos nas eleccións municipais e a oposición 3049).

2. Quen adopta unha actitude populista e pouco crible é el: de opoñerse á planta no 2014 e dicir que se se instalaba esa fábrica el dimitiría, pasa a darlle a licenza e a xustificar a legalidade do proxecto.

3. Instamos ao señor Alcalde a que non gaste as súas enerxías en insultar á oposición e, tal e como recolle o artigo 43 da Constitución,  traballe a prol do dereito á protección da saúde da cidadanía. Igualmente, esixímoslle que protexa o noso principal sector produtivo (o agro-gandeiro) e que non tome decisións sen antes consultalas cos principais afectados (neste caso, os veciños de Parada de Ribeira e dos núcleos colindantes).

4. E, se quere ser coherente e fiel ás súas promesas, consideramos que debería cumprir a palabra dada no 2014 e presentar a súa dimisión.

Desde Xinzo Adiante seguiremos apoiando as reivindicacións das veciñas/os do noso Concello, sobre todo porque son xustas e porque coa saúde e co medio ambiente non se xoga, senón que hai que protexelos. Para iso somos oposición: para opoñernos ás barbaridades e despropósitos do señor Antonio Pérez e o grupo do PP.