Dende a Limia
00:14 h. Domingo, 16 de Diciembre de 2018

XINZO ADIANTE SOLICITA O ARRANXO DA BEIRARRÚA E DA PARCELA QUE OCUPABA BOISITE A PÉ DOS INSTITUTOS DO CONCELLO

| 04 de Diciembre de 2018 (22:05 h.)

A parcela que ocupaba anteriormente a empresa madeireira Boisite, entre o IES Lagoa de Antela e a estrada de Vilar de Barrio que dá acceso á autovía atópanse nun estado de abandono total.

A parcela está invadida pola maleza e, posto que o acceso á mesma é libre, converteuse nunha escombreira de todo tipo de lixo variado. As edificacións sitas na mesma están abertas e en estado ruinoso, co perigo que isto pode supoñer. E o acceso de entrada á mesma situado na beirarrúa que transcorre pola travesía da Nacional 525 cada vez que chove inúndase   e o mesmo acontece co tramo da vía de servizo que está fronte a este acceso. Isto provoca que as persoas deban case meterse na calzada da estrada Nacional 525 para non mollar os pés.

A todo isto hai que sumar que esta parcela se atopa pegada ao IES Lagoa de Antela. Así, a abundante maleza pode causar un incendio que se propague ao instituto e a cantidade de lixo convértea nun axente pouco saudable para estar a pé dun edificio cheo de adolescentes. E cando chove, o alumnado que vai a pé ou en bicicleta aos dous centros educativos de Secundaria deben case invadir a N525 para evitar mollar os pés.

Por iso, ante esta situación e o reiterado incumprimento dos propietarios da parcela para tela limpa conforme a lexislación vixente, Xinzo Adiante solicita ao concello que limpe de oficio a devandita parcela e lle pase a factura desta limpeza aos propietarios e que se acondicione a beirarrúa para que os días de chuvia non se formen pozas e as persoas poidan transitar por ela con normalidade.